«Aínda en momentos de crise seguen a nacer novos festivais»

CARBALLO

MILLARES

Corcubión acolle, un ano máis, o encontro de música galega e asturiana

10 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O mestre pontevedrés Guillerme Ignacio Costa, nado na parroquia de Beluso (Bueu) hai 35 anos, estivo só un curso como profesor de música no colexio Praia de Quenxe de Corcubión, pero foi tempo dabondo para que tomase contacto coa Universidade Popular e deixase unha pegada que se mantén. Esa relación do líder de Quempallou coa zona trouxo ata a Costa da Morte os Encontros de Pandeireta Galega e Asturiana, que chegan á súa décimo cuarta edición e que este sábado se celebran por terceira vez no restaurante As Hortensias.

-¿Como se forxaron estes lazos con Corcubión?

-Na Universidade Popular precisaban un profesor de pandeireta e a min tempo libre sobrábame, porque tampouco tiña vida feita alí. Ademais, son unha xente encantadora polo que non tiven ningún problema en colaborar. Aquel foi o primeiro ano que celebramos os encontros en Corcubión, penso que era o décimo porque antes facíanse cada seis meses, e dende entón seguimos nas Hortensias porque é un local que se presta para o que queremos que é comer, bailar e ter un sitio no que durmir. En Asturias facémolo en El Sabil, no pequeno municipio de Santu Adrianu, onde tamén nos dan un bo trato. É terra de montañas e de osos, unha desas zonas marabillosas de Asturias, como ocorre aquí coa comarca de Fisterra.

-¿Que puntos de encontro hai entre as dúas culturas musicais?

-Son dúas culturas moi achegadas. Estabamos cu con cu, con ela, pero era precisamente iso. Dábamonos as costas e non había puntos de encontro. Eles beben de tradición cantábrica que está emparentada con nós polos Ancares e que se estende por todo norte de León, ata Euskadi e mesmo Palencia e Burgos. É unha cuestión moi técnica que ao mellor a maioría da xente non sabe, pero en Galicia cóllese a pandeireta coa man boa, a destra -que é un feito diferencial respecto ao resto do mundo- e alí fan ao revés: aguántana coa esquerda e non a moven, son os dedos os que baten nela. Dentro disto, os encontros nacen como un punto de unión, de relación de intercomprensión, cuns vínculos que facilitan o interese e o respecto polos outros. A través de Xosé Ambás, que é todo un mito da música tradicional asturiana, foi como lle demos vida a isto.

-¿En que momento está o folclore asturiano?

-Atópase nun momento de efervescencia importante como o que podiamos ter nós cando nos anos noventa Mercedes Peón comezou a levar esta música ao Luar e deixou a todo o mundo sorprendido. Ambás ten un programa de moito éxito na televisión pública asturiana que se chama Camín de cantares e é algo así como un irmán do noso Alalá -por certo, un gran fracaso que non se estean a gravar capítulos novos-, tamén se basea no traballo de campo e na recuperación. Trátase dunha poboación máis pequena e tampouco se pode comparar coa cantidade de música de base que hai en Galicia. O noso é algo que non ten parangón en toda Europa. Son miles e miles as persoas que aprenden a tocar e bailar simplemente polo feito de pasalo ben. Existe unha corrente de popularización única, como se ve, por exemplo, no número de foliadas que hai.

-¿Como se atopa de saúde a música tradicional galega?

-Xunto con esta escola popular tamén hai grandes centros de ensino en Vigo, Santiago ou Lugo dos que sae xente do máximo nivel, por iso dá tanto de si a nivel de fusión ou de experimentación. Aínda en momentos de crise seguen a nacer novos festivais e hai algúns magníficos, a Carballeira de Zas sen ir máis lonxe. Tamén hai que dicir que o desmantelamento do sector bancario cerrou grandes circuítos. A triste nova da separación de Berrogüeto hai que enmarcala aí.

Guillerme ignacio costa Quempallou