O voluntario ao que non lle permiten axudar

La Voz

CARBALLO

O malpicán Alfredo Mato tivo que deixar Protección Civil pola súa idade

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«Os políticos poden estar ata a idade que queiran e eu, que estiven axudando moitos anos desinteresadamente, obríganme a deixalo. Peor sería que estivera cobrando e me botaran, pero aínda así, fastidia. Pero bueno, as leis hai que respectalas». Alfredo Mato ten setenta e sete anos e ata agosto do ano pasado traballou como voluntario de Protección Civil en Malpica. Colgou o traxe o día da romaría das Festas do Mar. «Dentro da pena que me daba deixalo, foi unha alegría poder facelo levando á Virxe na procesión. Mira que me acordei ben veces dela». Acordouse, por exemplo, do naufraxio que se levou por diante a vida dun familiar e no que el tamén viu a morte de cerca. «Aí é cando máis te acordas de rezar, cando as cousas van mal».

Ao mar botouse a traballar con só catorce anos. «Dinlle a todo. Había que darlle de comer á familia. Estiven na Marina Mercante, no Gran Sol, no cerco, no palangre, no marisco...».

Uns días antes do seu último servizo, o xefe da agrupación comunicáralle que o seguro non se quería facer cargo do que lle puidera pasar en caso de que sufrira algún percance, debido á súa idade. Pero el non estaba tan de acordo. «Eu atópome moi ben. Home, non estou como cando tiña trinta anos, pero non hai queixa. Ademais, eu non valo para descansar, eu desexo traballar. Non quero estar tirado vendo a televisión mentres me crece o bandullo».

Alfredo non era o máis veterano, pero si o máis vello da agrupación. «Xa collín a base da Cruz Vermella despois de que morrera Guillermo, o anterior xefe do posto». Lembra que a agrupación estaba un pouco abandonada, «pero sacámola adiante coa axuda dos rapaces do pobo». O mesmo pasou con Protección Civil, ata que tivo que deixalo. «Eu estaba moi contento. Arranxáronnos a base e conseguiramos un coche novo. E ademais hai moi bo ambiente. Son coma unha familia».

Agora segue botando unha man no que pode, de cando en vez, e mata o tempo libre paseando ao cabalo do seu neto, que saíu ao seu avó e traballa nun cerqueiro.