Aínda quedan mazaricos voando por Galicia

manuel rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A USC impulsa un proxecto de recuperación desta ave en perigo

29 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O mazarico real (Numenius arquata) non se deixa ver moito por esa zona, nin tampouco polo resto de Galicia. Soamente quedan catro parellas reprodutoras que se localizan nunha pequena zona da Terra Chá, concretamente en Castro de Rei. En décadas pasadas, de seguro que tamén criaría en moitas outras brañas, por exemplo na antiga lagoa de Antela, na Limia.

Estes datos veñen dun estudo da Universidade de Santiago que nestes meses comeza un traballo de recuperación desta especie en serio risco de desaparición, polo menos no noso país, non así noutros puntos de Europa do norte, nos que aínda aniña con certa frecuencia.

O profesor Jesús Domínguez, do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC, dirixe esta iniciativa, que se desenvolve durante os meses de marzo a xullo, no que participa a Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Tamén colaboran técnicos da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O plan é unha segunda parte, despois do traballo realizado no 2007 polo mesmo equipo na que se monitorizou de xeito ininterrompido a poboación desta ave das brañas.