A Fundación López Abente convoca a segunda edición do seu certame poético

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

A entidade muxiá terá a colaboración da Consellería de Cultura e Xerais

25 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tal como avanzaran hai xa un par de meses os responsables da Fundación Gonzalo López Abente, o certame poético posto en marcha o ano pasado para «dar difusión ao nome do autor muxián, ademais de contribuír á produción de obra poética en lingua galega», terá continuidade este ano coa súa segunda edición.

Os responsables da entidade fixeron onte públicas as bases deste certame, no que colaboran a Secretaría Xeral de Cultura -cofinanciándoo- e a editorial Xerais, que se encargará da publicación da obra gañadora. Desde a fundación, explicaron que serán asinados sendos convenios con ambas partes.

O certame está dirixido a autores de todas as nacionalidades, pero as obras deberán estar escritas en lingua galega. A extensión dos textos non poderá ser inferior a 400 versos e terán que ser inéditos (incluíndo os formatos dixitais) e non ter sido premiados noutras convocatorias.

O prazo para presentar os orixinais (na Fundación Gonzalo López Abente, rúa Virxe da Barca, 49. Casa das Beiras, 15124 Muxía) rematará o 15 de maio.

Dous mil euros de premio

Tres poetas, «de recoñecido prestixio no ámbito da literatura galega», segundo explican desde a Fundación López Abente, serán os encargados de avaliar todas as obras presentadas e decidir cal leva o premio, que ademais da publicación, inclúe unha recompensa económica de 2.000 euros para o seu autor e unha peza escultórica conmemorativa.

O gañador da primeira edición foi o escritor e xornalista Daniel Salgado (Monterroso, 1981) pola obra Dos tempos sombrizos.