«Espero que a nosa festa sexa un recordo para todos en Suíza»

O empresario vimiancés organiza unha celebración co Combo Dominicano

Francisco Ordóñez, en Delémont.
Francisco Ordóñez, en Delémont.

O vimiancés de Calo Francisco Ordóñez Graíño leva en Suíza 28 dos seus 44 anos. Ademais de ocuparse dos seus negocios de carpintería e no sector inmobiliario, cos que dá traballo a media ducia de persoas da zona, rexenta xunto coa súa dona o Centro Español de Delémont, na capital do cantón de Jura, que esta fin de semana acollerá unha celebración inédita: unha gran festa para varios centos de asistentes, coa actuación da orquestra Combo Dominicano, para a que xa se desprazaron hasta Suíza ducias de persoas da Costa da Morte. É unha celebración que non vai quedar aí porque, da man do seu sobriño Fernando Rodríguez, xa está negociando coa Panorama para os primeiros días de xuño.

-¿Non lle parece demasiado arriscado meterse a organizar algo deste tipo?

-A verdade é que isto parécese un pouco a cando xogas á lotaría, tanto podes gañar coma perder. En calqueira caso, non creo que haxa moito problema porque xa temos 300 prazas reservadas e pagadas. Contamos con xuntar en total unhas 600-700 persoas, así que agardo que algo limpo nos quede. Pero o que realmente espero é que a nosa festa sexa un recordo para todos en Suíza. Aquí nesta zona, desde que eu estou, non se fixo nada parecido e a xente ten ilusión. Dá moito traballo porque hai que conseguir permisos, contratar seguridade, organizar voos, hoteis e demais, pero paga a pena. Unha vez que te metes en algo así, tés que tirar para adiante.

-¿Contan coa visita de moita xente da Costa da Morte?

-Aquí en Delémont xa hai moita de Camariñas, Vimianzo, Traba de Laxe e todo por aí. Estes días empezou a chegar xente de España e aínda virá máis. Aparte, hai persoas de practicamente toda Suíza: Ginebra, Zurich, Lausana, Basel... que sabemos que van vir para esta festa. Así que seguro que se forma unha boa.

-¿Como está a situación económica e laboral en xeral?

-Está todo bastante parado. Onte mesmo [o martes] tiven unha reunión con xente de Inditex, os que levan as tendas de Zara, e as cousas non van especialmente ben. Ademais, o tema este da nova lei migratoria pódese notar porque agora para que un patrón colla xente para traballar dalle máis voltas que nunca e non é doado. En calqueira caso, sempre foi así. Pode que agora nos subiran algo os prezos e que resulte máis complicado, pero para un matrimonio no que traballen os dous non hai grandes problemas. En contra do que aconteceu aí cando se dispararon os salarios, aquí sempre se mantivo unha estabilidade. Polo que a nós respecta, non nos falta que facer e a xente que está a vir cústalle máis atopar, pero a diferenza que hai con España segue sendo grande. Iso si, que ninguén pense que se conseguen as cousas sen esforzo.

-¿Ve falta de esa capacidade de esforzo na xente nova?

-Moitas veces digo que faría falta que volvesen os tempos de antes, como cando chegamos nós aquí, que tivemos que gañalo todo a golpe de martelo. Evidentemente a vida que levaron e levan os nosos fillos xa non ten nada que ver. Ao mellor non lles viría mal aprender un pouco disto, porque andar polo mundo e ter que se enfrontar a el ensina moito.

-¿Que perspectivas de futuro ten no plano persoal?

-A idea de regresar sempre está aí e, se a saúde nos respecta, espero que sexa máis pronto que tarde. Evidentemente gustaríame que o meu fillo se fixera cargo disto, pero xa se sabe como son os rapaces novos. En todo caso, aínda que sei que terei que estar indo e vindo de vez en cando, porque deixo aquí moitas cousas que atender, agardo que en non moito tempo poida estar de volta na nosa terra, que é o que quero.

francisco ordóñez graíño xerente do centro español de delémont (jura)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

«Espero que a nosa festa sexa un recordo para todos en Suíza»