O Semescom recompila os versos inspirados nos faros

O volume, que será presentado este mes, contén os textos premiados no seu certame e as obras doutros autores locais

A súa publicación non estaba inicialmente prevista, pero unha achega da Deputación fará posible que dous anos despois os textos premiados no primeiro certame de poesía sobre os faros da comarca convocado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte vexan a luz.

O libro xa saíu da imprenta e, segundo avanzou onte o presidente do Semescom, Xosé María Lema Suárez, previsiblemente será presentado de xeito oficial este mes. «Aínda non temos a data exacta nin o lugar, pero estaría ben que fóra nun faro, tal vez no Vilán», avanzou tras detallar que foron editados un total de 300 exemplares.

Os versos de Modesto Fraga, Rocío Leira Castro e María Dolores Canosa López -gañadores dos tres primeiros premios na categoría de adultos-; Ana María Gil Rey e Darío Miranda Pastoriza -galardoados na de 13 a 16 anos-, e Nuria Vilariño Lema, Elisa del Pilar Pradelas Martínez e Yaiza Romero Martínez -na de menores de 13 anos- compartirán espazo con poemas de outros autores da comarca, tanto de décadas atrás (como López Abente) como actuais (Miro Villar ou Alexandre Nerium) que tamén se inspiraron nos faros que alumean este litoral.

O libro leva un texto introdutorio de Manuel Vilar, vicepresidente do Semescom, ilustración e fotografías e servirá para homenaxear tamén a un dos grandes colaboradores da entidade, Roberto Mouzo Lavandeira -falecido en febreiro do 2013-, posto que na portada do volume pódese ver unha imaxe dun faro realizada por el.

Votación
2 votos

O Semescom recompila os versos inspirados nos faros