Aventura nun mar de piratas en pleno século XXI

David Trillo Gallego

CARBALLO

David Trillo.
David Trillo.

16 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai tres anos embarcara en Togo, no Golfo de Guinea, para traer un remolcador inglés para Europa. En 24 horas, todo estaba listo. Visados e todo ok para embarcar. Pero nestes últimos tres anos rexeitei varios embarques para Nixeria, porque pasar polo Golfo de Adén, con e sen pistoleiros a bordo... Ata dunha vez, dende Sri Lanka ata Qatar, tamén o rexeitei. Si, animeime a facer a viaxe dende Brisbane (Australia) ata Shanghai, pasando por Indonesia e facendo escala en Manila para repoñer víveres e gasóleo. Fíxeno porque no caso desa piratería, asáltanche, desvalixan o barco e despois marchan, pero non secuestran ás tripulacións.

Pero en Somalia é secuestro e en Nixeria están agora matando aos piratas tamén, polo que che poden aplicar o ollo por ollo, dente por dente. E mátante, como pasou hai tres anos, en Nixeria, cos tripulantes do barco onde estiven eu agora. En África, polo xeral, sempre son todo problemas. Incluso xa antes de saír da casa.

Para embarcar a Angola tiven que estar ata dous meses con trámites absurdos e inútiles para ter o visado: asinar un papel do meu puño e letra, conforme me comprometía a cumprir as leis angolanas, recibir a carat de convidaçon de Angola... Incluso solicitar un certificado penal, para aos dez días de entregalo, dicirme que xa non vale, que xa pasaron dez días, e que vaia a pedir outro. Volta a empezar. Isto para que vexan o que nos fan aos europeos en certos países.

Cando estiven embarcado en Abu Dhabi, para construír as illas artificiais, remolcando gabarras de pedra, na terminal petroleira danche un papel a firmar: prohibido usar ordenadores ou móbiles con cámara, non porno, non sexo, cal é a túa relixión, toma de pegadas dactilares, palmas da man e ata análises de excrementos. Un belga, por tres películas pornográficas, tres meses para a cadea e latigazos ao amencer. As humillacións de quitarche ata os pasaportes no porto de Al Jazeera. Si, un porto chamado así nos Emiratos Árabes. O Golfo Pérsico daría para un libro, pero seguimos coa piratería no West África.

Pois iso, avión dende Compostela ata Madrid para coller o visado só para uns días, para embarcar despois dous meses. Outro avión para Amsterdam, e proa para Luanda. En Luanda dinme que o barco está noutra base, no Río Congo, en Soyo, e veña. Outro avión dunha compañía africana con hélices para Soyo, na desembocadura do Río Congo, na selva...

Ao chegar ao hotel, tras 30 horas de viaxe, entérome da caída do avión que ía a esa mesma selva, e desa compañía africana, con destino a Luanda. Morreron todos. Conecteime para saudar a familia e amigos polo Facebook e tamén me saúda un compañeiro de Rianxo, Francisco Rodríguez, capitán nun barco de vixilancia nos campos petrolíferos de Nixeria.

-Francisco: Ten coidado máis ao norte, en Cabinda córtanlle as orellas aos estranxeiros se os secuestran. O que podes traer é pau de Cabinda.

-David: Boas Francisco. ¿Como vai a campaña aí por Nixeria? ¿Como vai o dos piratas? Estas semanas atrás estaban matando de media ducia a unha ducia de eles. E tamén outros piratas secuestraron un supply norteamericano. Espero que cos teus pistoleiros a bordo teñades unha boa e tranquila campaña. Apertas, meu!

-Francisco: Aquí non hai problema, o que sobran son armas. Ata eu teño unha propia, como John Wayne.

Verdadeira pobreza

Despois de tres días alí, dinme que mandan o barco con carga de plataformas para Luanda, así que outra vez a coller un avión de hélices. Ao chegar a Luanda, fomos nun coche con dous franceses e un polaco. Tan pronto saes da avenida asfaltada, para entrar no porto tes que pasar por unhas estradas cheas de baches, terra, lixo, chabolas e xente vivindo na verdadeira pobreza. Cáeseche a alma aos pés. Fabelas con nenos e familias en montes de lixo. Son millóns de persoas as que viven así en Luanda, cun total de oito millóns de persoas. Tan só un pequeno núcleo de edificios, o resto así. Igual en Soyo, pero alí xa viven na selva e cunha refinería que teñen. Está todo en reconstrución, logo da guerra. Contábanme os mariñeiros a bordo, pois por lei hai que ter o 50 % de angolanos en todos os barcos, que nin na cidade as casas teñen auga corrente. Lávanse con caldeiros, e a luz vai por horas e con moitos cortes.

O primeiro mes foi máis ou menos sobre o previsto. Pero o segundo... Nas tres últimas semanas de xaneiro, foi cando por sorpresa empezamos a recibir os avisos de barcos nodriza de piratas pola zona. Primeiro, un que xa o tiñan fichado, pois meses antes atacara un Gabon. Desta vez, viñan de Nixeria seguindo un petroleiro. Despois, ese mesmo barco cruzou polos campos petrolíferos onde nós traballamos, acercándose á costa. Días despois, desaparecía sen deixar rastro a sete millas de Luanda o petroleiro Kerala. Logo duns dez días apareceu en Nixeria, sen gasóleo e desmantelado polos piratas dese país.

Mesmo nós pasamos por unha lancha sospeitosa a plena luz do día, onde case se observaban as kalashnikov apuntando para arriba. Horas máis tarde, pola noite, asaltaron un petroleiro chino. O mesmo barco onte eu estaba embarcado fai tres anos, en Nixeria, e co mesmo xefe de máquinas filipino, e un oficial indonesio, foi atacado por piratas, con catro lanchas situadas a unha milla cada unha. Tras intentar fuxir deles, os piratas cabreáronse máis e conseguiron abordalos. Mataron ao capitán e as balas atravesaron a chapa da ponte, ferindo unha delas a un dos oficiais nas costelas. Levárono como refén despois dúas semanas cos piratas para a selva.

Hoxe, os barcos xa se constrúen con un refuxio a bordo para casos de ataques de piratas. Tamén hai un botón para en caso de ataque, pulsar e mandar unha sinal ao armador, e centros de antipiratería...

David Trillo Gallego, de Brens (Cee), é capitan de remolcadores offshore.