O certame de artigos normalizadores de Carballo cumpre dez anos

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

11 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Un ano máis, e xa van dez, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza o premio de artigos xornalísticos normalizadores. Con este certame, os seus promotores pretenden facer un chamamento á reflexión sobre a situación do idioma galego e promover espazos nos medios de comunicación para o seu uso e prestixiamento.

As bases desta nova edición, aprobadas onte polo goberno local carballés, establecen que os textos presentados deben ser inéditos e abordar temas concretos relacionados coa situación sociolingüística de Galicia, o fomento da lingua, o seu estatus, o argumentario a prol do seu uso ou a lexislación na materia e os dereitos ao respecto. A súa extensión será de entre 1.800 e 3.300 caracteres (espazos incluídos) e deben ser presentados antes do 11 de abril. O gañador recibirá un premio económico de 1.000 eurose o seu texto será publicado nos dez medios de comunicación escritos que colaboran nesta iniciativa, entre os que se atopa La Voz de Galicia.

A escritora e profesora Mariña Pérez Rei foi a gañadora da edición do 2013 cun texto titulado O sotaque de Aurelia. En anos anteriores foron galardoados Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Sechu Sende, Pilar García Negro, Marica Campo, Carlos Callón e Xesús Fraga, entre outros.