«O público de Carballo está afeito a ver cousas moi boas»

A compañía compostelá traerá maña aos Venres Culturais «Waltz»


As súas nove montaxes estreadas en só sete anos, e as que teñen xa en diferentes fases de produción, fan de Voadora un proxecto artístico pouco común que ademais conta con aval do público, da crítica e dos seus compañeiros de profesión. Mañá chega a Carballo (Pazo da Cultura, 21 horas, 3 e 4 euros) con Waltz, espectáculo no que Marta Pazos (Pontevedra, 1976) ademais de compartir escenario con José Díaz e Hugo Torres, leva o peso de escenografía e da dirección. Desde Lisboa, onde acaba de estrear a súa novena montaxe, Rinoceronte de Eugène Ionesco, Pazos explica que está desexando visitar a capital bergantiñá, «Temos moitas gañas de actuar aí porque é unha terra onde se programa moi bo traballo, que ten un festival marabilloso e onde hai un público moi ben educado, afeito a ver cousas moi boas».

-Definen «Waltz» como unha opereta portátil.

-Esa é unha das partes do espectáculo, que está dividido en tres. A montaxe trata sobre un tema non demasiado doado de tratar, que é o amor, e dentro da pesquisa que fixemos xogamos con varios xéneros, pero todo ela está impregnada do estilo de Voadora, con música en directo. O de portátil é porque, aínda que en Carballo se vai ver a versión teatral, con deseño de luces e escenografía propia, naceu coa vontade de adaptarse a diferentes espazos. De feito naceu nunha galería de arte. En Carballo veremos a parte máis teatral, que é a miña favorita.

-¿De onde vén esa querenza de Voadora por mesturar xéneros?

-Penso que é froito da nosa idiosincrasia e da propia compañía. Somos persoas moi inquietas, non somos puros senón bastante eclécticos e gustamos de contaminarmos doutras artes, Os nosos espectáculos son o resultado de todo iso, do discurso que se vai facendo á hora de compoñelo, porque traballamos con todo orixinal; partimos dunha idea que imos traballando moito e a montaxe final é o resultado do mellor material, que se costura e se coce a lume lento; por iso ten moitísimos ingredientes, que é o que fai do noso teatro algo moi particular e persoal.

-¿É moi complicado construír unha obra entre tres persoas?

-Para nós é o que coñecemos. Eu non o definiría como algo complicado, senón que esa é a esencia do traballo en equipo. Enriquece moitísimo máis o traballo cando se fai desde o diálogo. Ás veces eles traen ideas para a dirección ou eu dou ideas para a música. Trátase dun diálogo non só coas outras artes, senón entre nós mesmos, e sentímonos moi cómodos con este xeito de traballar, aínda que resulta máis complicado e demora o proceso.

-Aínda así, levan xa nove montaxes en moi poucos anos.

-Si porque temos formas de traballar moi intensas, metémonos a cachón e traballamos a longo prazo. Este mes imos empezar con A Tempestade, que será o noso próximo espectáculo, pero que levamos cocendo case dous anos, e xa estamos preparando outros máis para o 2015 porque Voadora é un proxecto artístico, non unha compañía de espectáculo.

-Con «Tokyo3» lograron moitos premios. ¿Iso engade presión?

-Nós non pensamos nesas cousas. Os premios son un recoñecemento e unha mostra de agarimo moi grande por parte da profesión e da crítica, pero non nos sentimos máis presionados porque isto é unha carreira de fondo. O importante é a presión que nos poñemos nós mesmos porque cada vez intentamos facer espectáculos mellores; aínda que obviamente si que queremos que á xente lle guste.

marta pazos integrante de voadora

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«O público de Carballo está afeito a ver cousas moi boas»