«O que temos que vender é Galicia como destino único»

CARBALLO

Castro asegura que se poden facer «marabillas» coa olería de Buño ou o encaixe de Camariñas.
Castro asegura que se poden facer «marabillas» coa olería de Buño ou o encaixe de Camariñas. BENITO ORDÓÑEZ

Boa coñecedora da zona, ve fundamental activar o xeodestino Costa da Morte

25 ene 2014 . Actualizado a las 07:04 h.

? Nava Castro Domínguez (Ponteareas, 1969) é a directora de Turismo de Galicia dende hai practicamente un ano. Antes fora directora xeral de Comercio (coñece ben a Costa da Morte), deputada autonómica e máis nacional, e tamén alcaldesa do seu pobo. Estes días, en Fitur, ten citas constantes, ademais de asistir a case todas as presentacións en Turgalicia, que non son poucas.

-Citaba vostede nun acto sobre a Costa da Morte que esta é a segunda zona na que máis medra a demanda de visitantes estranxeiros. ¿Non é moi relevante?

-Si, e son datos oficiais do INE. Dende que se achegan a Santiago, son moitos os que tenden a ir a Fisterra-Muxía. Porque o Camiño axuda moito a situarnos internacionalmente, e o turismo estranxeiro é o que máis medra. O Bono Iacobus axudou bastante a promocionar a Costa da Morte. Xurdiu de aí, do turismo rural, en colaboración co Camiño de Santiago, e ese producto xeneralizámolo a toda Galicia. E a película,The way tamén beneficiou moito, porque todos queren imitar o que fixo Martin Sheen e achegarse ata esa zona.

-A Costa da Morte está este ano moi presente en Fitur. ¿Como ve a súa promoción?

-Temos un instrumento fundamental, coa Deputación e a Delegación da Xunta, para poñer a disposición de todo o sector turístico, como é o xeodestino. Se somos capaces de que os alcaldes se poñan de acordo, e se empecen a consolidar produtos para vir aquí conxuntamente, e facer produtos interesantes para os turoperadores, que son os que nos veñen visitar, e tamén para os periodistas especializados, dende logo para nós será fundamental e un avance.

-¿Refírese en parte a outros alcaldes que veñen de maneira independente?

-Non, aínda pero eses alcaldes tamén viñeron ás presentacións de Turgalicia. Nós, o que temos que vender é Galicia como destino único, estamos no estand de Galicia, hoxe [por onte] déronnos un premios polo seu deseño, estamos as catro provincias, todos os xeodestinos, perfectamente consolidados. Como tamén o está o da Costa da Morte, pero falta ese instrumento finaceiro, do que temos posibilidades para poder firmar, e dotalo cun orzamento e facer produtos turísticos especiais na nosa costa, teríamos que aproveitalo un pouquiño máis. Co sector do turismo rural estamos en perfecta sintonía, e traballamos moi ben. Fisterra-Muxía é o terceiro que máis e percorre, e seguiremos traballando en favor do Camiño, na ruta dos faros, que para nós é fundamental. E respectamos aos concellos que queiran vir ou non vir. Nós damos a posibilidade de ter as presentacións conxuntas, de ter os folletos? Os estands están para todo.

-¿Como pode vender ben Galicia produtos tan singulares como a olería de Buño ou o encaixe de Camariñas?

-Son moi importantes. Un producto que se podería vender perfectamente sería por exemplo unha ruta de artesanía en combinación coa de turismo rural ou facendo o Camiño de Santiago. Coa olería de Buño ou facendo encaixe de Camariñas, e con toda a diversidade de artesanía que hai por esa zona, pódense facer marabillas. De feito aquí, pódese comprobar que o encaixe de Camariñas luce esteticamente na decoración do noso estand, é algo que nos identifica como galegos. E, en canto á olería de Buño, cando era directora xeral de Comercio, quixemos que o presidente da Deputación da Coruña tivese como agasallo institucional algo de olería.