O lado bo das cousas

CARBALLO

23 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tivo que chegar a Reira unha gabarra arrastrada polo temporal para que moitos descubrisen o agreste paraíso (case) virxe que tiñan a uns quilómetros da casa. Tiveron que vir a auga, o aire e o lume a levar por diante a Pedra de Abalar e o Santuario da Virxe da Barca para que algúns puxesen en valor un lugar ao que se lle rende culto dende hai miles de anos. Dicían estes días en Camariñas e Muxía que nunca tanta xente viran na zona por estas datas. A pasada fin de semana, pola pista que vai de Reira a Cabo Vilán circularon máis coches que no mellor día do verán. Xa se comenta que a romaría deste setembro na Barca vai ser unha das máis multitudinarias dos últimos tempos.

Un non pode estar orgulloso de que a súa terra sexa noticia por isto, pero tamén é certo que moita xente se achegou estes días por primeira vez á Costa da Morte. De feito, o propio Concello de Camariñas acaba de sacar adiante unha admirable páxina web na que se compilan máis de sesenta naufraxios acontecidos na costa do municipio. Temos centos, por non dicir miles de buques afundidos a poucos quilómetros de nós. Por aquí pasou a Armada Invencible. Por este mar navegou gran parte do comercio colonial, que de cando en vez deixaba illas de riqueza no medio da miseria: a leite condensada do Nil que pintou as casas de Arou; as teas do Priam. Aí están o Serpent, o Great Liverpool, o Prestige.

Di o arqueólogo Miguel San Claudio, que tódolos domingos rescata a historia dos naufraxios nestas páxinas, que nun país normal, Galicia podería ter un dos mellores museos do mundo neste eido. Se a xente vai a Berlín para visitar un muro que foi símbolo de división e odio; se visitamos Auschwitz para vivir moi de preto a barbarie, se o Templo da Paz de Hiroshima é un Patrimonio da Humanidade que amosa canto mal pode chegar a facer o ser humano, ¿porque seguimos esquecendo baixo o mar a nosa historia?