O Concello de Cabana planta cara ao esquecemento

Á. P. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Cinco actividades integran a nova edición do seu «Inverno da memoria»

19 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A mirada ao pasado e o eixo central das actividades que durante as próximas semanas desenvolverá o Concello de Cabana baixo o paraugas do programa Inverno da memoria.

Cinco propostas dan forma a unha iniciativa que se desenvolverá noutros tantos escenarios e cos que se buscará a implicación de veciños de todas as idades e condicións.

As tradicións populares á hora de tratar de predicir a evolución meteorolóxica, os vellos estaleiros da desembocadura do río Anllóns, as escavacións do dolmen de Dombate e os populares salóns de baile do século pasado son algúns dos temas que serán abordados coa participación de expertos como o home do tempo Santiago Pemán ou os arqueólogos José María Bello, Manuel Lestón e Ana Romero.

Os propios veciños tamén terán voz para lembrar as súas propias experiencias, como farán algúns dos traballadores daqueles estaleiros e doutro dos oficios nacidos no cauce do Anllóns e hoxe xa case esquecido, o dos lancheiros.

Paz e Xapón

Tamén haberá tempo para mirar ao presente e ao futuro, na xornada organizada con motivo do Día da Paz e que servirá ademais para profundizar nos lazos entre Cabana e o Xapón, que o concello está estreitando a través do programa de intercambio cultural Unidos polo sol.

Os actos comezarán o xoves da próxima semana, coa sesión dedicada ao tempo, e proseguirán o día 30 deste mes e o 4, o 15 e 23 de febreiro.

Para organizalos o departamento de Cultura do Concello cabanés dispuxo da axuda doutras administracións, como a Deputación da Coruña, e dalgunhas asociacións culturais locais, como é o caso de Airiños de Nantón e Lúa Chea de San Xoán, ademais de Íntegro. Os centros escolares tamén participarán activamente en varias destas propostas.