Xente ao lonxe

CARBALLO

11 ene 2014 . Actualizado a las 15:45 h.

Vidas de emigrantes, outra vez, na Costa da Morte. ¿Outra vez? Vaia. Nunca deixou de habelas. Pero volven con forza. A Europa, especialmente. Suíza, Alemaña, Inglaterra... Polo mundo adiante. Mozos. Non tan mozos. Xente nos cincuenta e pico que deixaron tan boa imaxe que os antigos patróns danlle traballo outra vez, tras quince ou vinte anos. Temos fama de bos. Familias enteiras (enteiras) que marchan no coche para Suíza, como antes. Con rapaces cativos, adolescentes. Todos podemos imaxinarnos o que iso supón. Un mal menor, si, polo menos hai traballo, vale, pero...

E iso que a sensación de quebranto non é a de antes. Falta o roce da pel, o alento do ser querido, os lugares que non fan ser nós, ese arredor do ecosistema, pero non é o mesmo. Hoxe falas dende aló cos de acó a cada momento. No ordenador, no móbil... Tiras de Facebook, de Skype, de Line, de Whatsapp. Do FaceTime do iPhone. Do enderezo electrónico. Do teléfono fixo.

¡O teléfono!

Falemos de antes. Antonte en termos familiares. Finais dos setenta, principios oitenta. Trinta anos atrás, sen remontarse á escuridade da emigración a América. A de Europa. A das cartas cada mes e medio nun castelán impostado e ignorado cheo de faltas, cubertas co típex da alegría por recibilas.

Si, neses tempos tamén falabamos por teléfono. Pero sen pasarse. Avisar dunha viaxe, unha emerxencia, a necesidade de saber do outro. Nin aló nin aquí había aparato. Había que organizar moito. Mandar un taxi. Viaxar, por exemplo, ata a central de Vimianzo, na rúa de Tedín. Sentado nun banco, esperando a chamada. Non saber que dicir.

Ou dende Baio, máis tarde. No bar Hórreo. Trescentas pesetas ao taxista. Esperar a chamada e ir ao corredor a contar as novidades. Así moitas veces. Pola noite.

Eran outros mundos, pero foron antonte. Aínda están moi frescos. Daquela pensaba que non se repetirían. Pero os móbiles son os mesmos.