O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente

Miro Villar

CARBALLO

XESÚS BÚA

27 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Oincendio da igrexa santuario da Virxe da Barca provocou a desfeita e a desaparición dun legado histórico e patrimonial, no que sobranceaba o retablo da autoría do escultor compostelán Miguel Romay. O poeta Gonzalo López Abente, tal e como recollemos na súa Poesía Completa (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente), como muxián de nacenza, tiña unha inmensa devoción polo santuario e pola súa Virxe. De feito, na década dos cincuenta publica varios poemas na revista Vida Gallega, que viña de iniciar unha segunda etapa en novembro de 1954 da man do editor Iglesias Presa, entre eles No coroamento da Virxen da Barca.

Deixou sen publicar moitos versos que a honran. Será despois do seu pasamento (1963) cando vai ver a luz Monza de frores bravas para nosa señora da barca. Trátase dun pequeno libro de poesías inéditas que publica a RAG no 1971, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas e do que salientamos o artigo Presencia da obra de López Abente que asina Salvador Lorenzana (seudónimo de Fernández del Riego) despois dos quince poemas, nun dos mellores e máis completos estudos sobre a biografía e a obra do poeta, que tamén inclúe un apartado para a súa obra en prosa. Ademais leva unha introdución de Sebastián Risco, que xa prologara o libro Centileos nas ondas (1958) e que nesta altura era presidente da RAG, intitulado No adral, do que tomamos estas palabras: «Gonzalo López Abente non tiña tocado deica entón en ningún dos seus libros príncipe de poesías, ao menos de xeito escrusivo e con unidade formal, o tema relixioso, nin adoitou poetizar a súa devoción á Virxen da Barca. Fai falla pescudar moito niles pra atopar composiciós dise tenor. Apenas unha, A Pedra da Barca, na que ise tema tócase tanxencialmente, en Escumas da Ribeira; outra, O Santo Cristo de Fisterre, en Nemancos. Ningunha máis poidemos alcontrar nin en Centileos nas ondas nin no seu libro póstumo Decrúa. Na súa obra, a paisaxe, enxergada dun xeito simbolista e cósmico que transparenta no poema Nosa Señora a Terra, é a verdadeira fonte de inspiración. E, sobor de todo, o mar, co que il se identificou en termos de posesión chamándolle «o meu mar», foi o gran protagonista da súa obra poética».

Con todo, sen coñecermos a razón, os compiladores desde libro de 15 poemas non inclúen a composición que López Abente escribiu inspirándose no artístico retablo barroco construído en 1717 polo escultor compostelán Miguel Romay, poema que se publicou co título Retabro da Barca, na revista Vida gallega, 2ª Época, 46-47, xaneiro-febreiro de 1959. Velaquí: RETABRO DA BARCA,

A Miguel Romay, escultor santiagués

autor deste manífico retabro:

Lostregaron no souto escentileos

do aceirado sorrir da ferramenta.

Suspenso e trepezal o bosco alenta

e o xenio creador baixa dos ceos.

Renxer de serras, machadazos crúos,

toradas a rolar polas encostas,

as mans do artista a traballar dispostas

e os portentos en pé, ceibos e múos.

Castiñeiros do monte esnaquizados

en pezas ben miudas, ao Obradoiro

fóstedes polo boi marelo ou loiro

nos carros cantareiros carrexados.

E bebe a inspiración do seu poema

o poeta cantor en Compostela.

¡Pregaria a revoar na gran capela

en onde a Virxen nunha barca rema!

O sol, no lenzo azul, da a derradeira

pincelada de ensoño, e a pregar

cai de xoellos, devoto, na fogueira

onde se beixan o alto ceu e o mar.

As vagas de cristal rompen na orela

lixando o espazo nu de húmeda bruma,

e ao estreitaren de bruzos a capela

vese o milagre buligar na escuma.

Cantan os anxos arredor da Santa

que no seu camarín os abenzoa

e espertándose o eco tamén canta

e polas amplas bóvedas revoa.

O retabro de pé no Santuario

deixa o castaño, e de remate vai

orquestando os misterios do Rosario

o grorioso escultor Miguel Romay.

Villar é vogal da Fundación López Abente