Chus Martínez promoverá un encontro con artistas internacionais

La Voz

CARBALLO

27 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A colaboración de Chus Martínez -que acaba de deixar o seu posto de conservadora xefe do prestixioso El Museo del Barrio de Nova Iorque para afrontar unha nova etapa formativa e divulgativa en Suíza- nesta proxecto da Fundación Eduardo Pondal para revitalizar O Couto poderíase traducir o próximo verán na celebración dun encontro no Couto de artistas internacionais. «Non sería difícil facelo nesas datas, pero hai que buscar á xente axeitada; non se trata de cantidade nin de que sexa xente coñecida ou non», apuntou.

María Xosé Imia, do padroado da Fundación Pondal, engadiu que ese encontro poderíase facer coincidir coa próxima edición do certame de pintura ao aire libre Álvarez de Sotomayor, que se celebrará en xullo.

Martínez, nada na aldea pontecesá e visitante habitual dela -«sempre que podo volvo á aldea», contaba onte-, recorreu á cerámica para explicar que a arte está moi ligada a ese mundo, pero tamén á tecnoloxía -«os paneis dos transbordadores espaciais teñen paneis de cerámica» e sinalou que son moitos tamén os artistas os que a combinan coa ciencia.

Unha relación xa xeracional

A conservadora lembrou, ademais, que a súa vinculación cos movementos asociativos do Couto remóntase a súa etapa de participantes nas escolas de verán -promovidas antes pola asociación Monte Branco e agora pola Fundación Pondal- e explicou que é agora o seu fillo o que toma parte nas actividades de Nadal, das que segundo desvelou Xosé María Varela, ela exerce este ano de madriña.