Viaxe histórico a unha parroquia de templarios

Xosé M. Varela Varela

CARBALLO

Pumar Gándara lembrou en Cances a vinculación da comarca coa famosa orde de monxes guerreiros

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:31 h.

Cando hoxe falamos de templarios a nosa mente trasládase ao mundo do cinema e vémolos como algo alleo ó noso contorno. Pero a realidade é moi distinta a esa percepción, xa que en Bergantiños hai varias pegadas deses defensores dos peregrinos que acudían á tumba de Xesús en terra sagrada.

Isto desvelouno Xosé Pumar Gándara na presentación do seu libro Viaxe polo corazón de Bergantiños organizada pola Asociación Cultural San Campio de Cances na tarde do pasado sábado.

Segundo Pumar, estes soldados, que mesmo foran excomungados polo Papa, «tiveron unha forte presenza na parroquia larachesa de Lendo». Desde aquí, «adquiriron ou recibiron propiedades por moitas freguesías da contorna». Cances fora unha delas. A desamortización de Mendizábal arrasou cos seus privilexios.

Unha vez máis, Xosé Pumar Gándara, volveu a triunfar en Cances co seu verbo fácil e sobrada erudición ante un auditorio dunhas 80 persoas.

O crego de Rial foi presentado por un seu conveciño, Jesús Antelo, tan só dous anos máis novo. Antelo recordou o pasado compartido nas terras natais e tamén o paso polo seminario compostelán. Descubriu a afección de Pumar polo fútbol e «a súa admiración polo Real Madrid», que a aquelas horas da tarde colleitara un empate.

Pumar lamentouse que no libro, por problemas de extensión, «non se recollese o rico pasado musical desta parroquia» e lembrou que había anos que oficiara o enterro dun dos primeiros músicos desta freguesía do cal non lembraba o nome.

Miguel Anxo Calvo, colaborador gráfico no libro con dous cadros, sorprendeuse de que o construtor da igrexa parroquial fose un canteiro de Cerqueda e expresou que «o libro de Pumar fainos ver a identidade sonora do país bergantiñán».

Malpica, próxima parada

A próxima presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños será o 4 de xaneiro no salón de actos da Casa do Pescador de Malpica. Nesa nova cita, Pumar Gándara estará acompañado polo alcalde malpicán Eduardo Parga Veiga e polo escritor local Xelucho Abella Chouciño.

presentación literaria