Os versos da comarca conquistan ao público de Cabana e Carballo

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Boa acollida da poesía de Abente e dos autores populares cabaneses

14 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A poesía derrubou onte o mito de que é un xénero para públicos reducidos congregando a numeroso público nas dúas convocatorias celebradas en Bergantiños.

Unha delas tivo lugar no centro de maiores de Neaño, que despois de acoller unhas horas antes o espectáculo poético teatral e musical coa que a Fundación Pondal está a homenaxear a Rosalía, foi escenario dun tributo aos poetas populares de Cabana coa presentación da coidada antoloxía preparada por Xosé Manuel Varela Varela.

O propio autor foi o encargado de explicar os detalles desta obra ante un auditorio repleto e moi ben acompañado na mesa presidencial. Xunto a el estiveron dous dos autores protagonistas do libro, Plácido Vigueret Villar (Plácido de Meiruco) e Matilde Vilariño Pose, e familiares dos outros tres poetas cabaneses presentes na obra, pero xa falecidos: María Baña Varela, Fermín Calvo (Fermín da Feira Nova) e Hermosinda Varela Lema.

A poesía de López Abente

Simultaneamente ao acto cabanés, o Casino de Carballo abría as súas portas aos versos dun dos poetas máis ilustres da Costa da Morte, o muxián Gonzalo López Abente. Por invitación do Instituto de Estudos Bergantiñáns, co seu presidente á fronte, Xan Fernández Carrera, o poeta e investigador ceense Miro Villar deu a coñecer a compilación que preparou da Poesía completa de López Abente.

Acompañárono tamén o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e o escritor e vicepresidente da Fundación Abente, X. H. Rivadulla Corcón. Entre o público había ademais outros destacados representantes do mundo da cultura da comarca, como Viki Rivadulla ou Fernando Cabeza Quiles.