A cultura popular, protagonista dos Premios Bos e Xenerosos

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Os galardoados pola Fundación Pondal loaron o traballo da entidade

27 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Co reclamo engadido de Eduardo Pondal -a través da fundación que leva o seu nome- a pequena aldea pontecesá do Couto volveu a dar mostrar onte da súa pegada congregando a varios persoeiros para facerlles entrega duns galardóns que xa teñen un oco de privilexio na axenda cultural galega: os Premios aos Bos e Xenerosos.

Nun salón de actos unha vez máis ateigado, a cantante Mercedes Peón, o ceramista e ilustrador Xosé Vizoso, e o escritor e editor Víctor Freixanes, sumáronse a unha lista de homenaxeados da que xa formaban parte Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Bernardino Graña, Francisco Fernández del Riego e Xosé Neira Vilas, entre outros, aínda que a gala rematou por converterse nunha homenaxe tamén á cultura popular e de base.

«Eu son pequeniña, non son boa e xenerosa, pero si tento ser a mellor persoa posible», explicou Peón tras recoller de mans de Neira Vila a súa reprodución do busto de Pondal deseñado pola escultora Iria Rodríguez. A cantante lembrou que foron as visitas á aldea natal dos seus avós as que lle permitiron entrar en contacto coa cultura tradicional e que un encontro en Imende (Baldaio, Carballo) con dúas mulleres que lle ensinaron a tocar a pandeireta a animou definitivamente a emprender un percorrido que a levou por toda Galicia. Por iso, dixo, o premio recibido onte foi, en todo caso, un galardón «á creación colectiva» e a «pegada marabillosa de todos vós».

Tamén tivo palabras de agradecemento para a xente do Couto Xosé Vizoso, a quen lle entregou o seu galardón José Luis Fondo, presidente da Fundación Pondal e alcalde de Ponteceso. «Sei de todo o que se fai neste pobo pola cultura galega», dixo para sinalar acto seguido que «os grandes actos e as grandes conmemoracións adoitan facerse nas grandes cidades, por iso é aínda máis destacable o traballo que se fai en pequenas vilas como Ponteceso». Vizoso, deseñador de Sargadelos, sinalou ademais que está ligado á Ponteceso pola súa orixe, posto que un mindoniense coma el, Pascual Veiga, é o autor da música que xunto aos versos de Pondal forma o Himno galego.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García entregou o seu premio a Víctor Freixanes, quen ao igual que Peón e Vizoso loou o traballo da Fundación Pondal. «De bo, como din en Vigo, bo peixe, e de xeneroso, depende, por iso é unha honra que me consideren así e que me incorporen á simboloxía de Eduardo Pondal. Ademais, emocióname porque é un recoñecemento que vén da cultura de base», engadiu Freixanes antes de concluír a súa intervención asegurando que «se non somos conscientes do que significa o noso un día ímonos disolver coma un azucarillo vaso de auga».

A interpretación do himno galego a cargo dun grupo de escolares do colexio Eduardo Pondal, guiados pola directora do centro, Socorro Giz, puxo o punto final a un acto no que tamén houbo tempo para as reivindicacións coa presenza dos opositores á mina de Corcoesto.