Bos e Xenerosos, pero sobre todo agradecidos

CARBALLO

Mercedes Peón, Víctor Freixantes e Xosé Vizoso reciben hoxe os Premios da Fundación Eduardo Pondal

26 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os tres, salvo imprevistos que onte non agardaban, poderán achegarse hoxe pola tarde á sede da Fundación Eduardo Pondal, no Couto (Ponteceso). Mercedes Peón, Xosé Vizoso e Víctor Freixanes son os galardoados cos Premios Bos e Xenerosos deste ano, o quinto dende que existen estes recoñecementos. Engádense aos 12 distinguidos nas catro edicións anteriores e, neste caso, o patronato da Fundación tivo en conta «o seu alto grao de compromiso e de defensa da lingua e da cultura galega». Tamén as súas traxectorias profesionais e vitais «ao fronte de proxectos de recuperación das tradicións e de espallamento dos sinais de identidade do pobo galego». Tanto Peón como Vizoso e Freixanes coinciden por isto no seu fondo agradecemento.

«A verdade é que non te sentes merecente. Unha fai o seu traballo e as súas accións sociais, porque cre que é o que debe facer, pero eu son unha pequerrecha. ¿Bos e xenerosos? Ogallá algún día o acabe sendo», asegura a cantante e instrumentista Mercedes Peón. «Acepto o premio cun agarimo inmenso, pero tamén con moita modestia, porque é un alcume que me queda moi grande», engade. Para ela, este galardón ten o engadido de saír de aquí, da Costa da Morte, un recuncho que, segundo conta, supuxo «unha parte fundamental na miña toma de conciencia da singularidade dentro dunha mesma cultura». Atopouse, di, «cunha inmensa creación colectiva e de transmisión oral». Viva. Dirixe tamén palabras de agradecemento para todos aqueles que lle abriron as portas cando, sendo moi nova, se dedicou a percorrer Galicia recollendo música e tradicións que logo ela transmitiu.

Peón ten pensado asistir esta tarde á charla do escritor Xosé Neira Vilas, previa á entrega de premios, ao igual que outro dos galardoados, Xosé Vizoso. Este creador de pezas de cerámica, ilustrador, escenógrafo e deseñador do grupo Sargadelos por máis de tres décadas, sentía onte «orgullo» e agradecemento polo galardón da fundación pontecesá. «É un premio do gran vate Pondal, o autor do Himno», destaca. E apunta unha curiosidade, ou un vínculo, que lle agranda esa alegría: «Son natural de Mondoñedo, como o outro autor do Himno, o da música, Pascual Veiga». Lembra el que, xa hai anos, ten colaborado coa entidade que agora o premia. No deseño dalgún cartel, por exemplo. «No que me pidan é difícil que non participe. É moi de valorar o labor que fan», engade. Cita á fundación, e tamén á asociación Monte Branco. Dende Brión, onde reside, Vizoso recorda con agarimo a Isaac Díaz Pardo (tamén el foi outro dos Bos e Xenerosos), co que estivo en Sargadelos dende os 18 anos, «mesmo antes de que abrise a fábrica». Menciona ademais a Neira Vilas -con el compartiu tempo no Instituto Galego de Información-. Unha razón a maiores para vir escoitalo esta tarde.

O escritor, editor, director de Galaxia e profesor Víctor Freixanes tamén cruzará hoxe Galicia dende un acto ao que ten que acudir Vigo para achegarse ata O Couto. Se pode, chegará antes de tempo para escoitar ao autor de Memorias dun neno labrego. «Bos e xenerosos sono eles. Por máis que bo procure selo de xeito regular e xeneroso penso que bastante», bromeaba onte Freixanes. Séntese agradecido, porque o busto de Eduardo Pondal que hoxe lle será entregado chega «dunha desas asociacións que eu chamo organizacións ?de base?, desa xente que dende a lealdade ao país e á súa cultura traballa todos os días para que a cultura e Galicia exista». Son asociacións, di, que «sempre me produciron unha grande admiración e respecto, e máis hoxe en día que quizais estamos saturados de grandes discursos e palabras, cando o que realmente conta é a letra pequena, isto que eles fan. É a letra pequena a que escribe, non as grandes retóricas. Por iso me sinto moi agradecido polo premio». Entidades coma a Fundación Eduardo Pondal, considera, «son a alma do país». E el tamén ten a súa vinculación con esta terra, porque «aínda que algo esquinada», soubo dela para ter en conta a comarca do Xallas, Zas ou Vimianzo, por citar algún nome, na súa novela O triángulo inscrito na circunferencia.

O programa de hoxe

A entrega dos Bos e Xenerosos forma parte do programa do Outono Pondaliano que hoxe vive un novo día. Pola mañá (11 horas) hai programada unha sesión de arqueoloxía social para escolares no Castro das Croas, en Niñóns. Ás cinco, e logo de ter xa mantido un encontro con escolares, Neira Vilas intervirá na sede da Fundación con Non des a esquecemento, e continuará despois cunha conferencia sobre o Himno galego en América. Sobre as 19.15 horas farase a entrega dos recoñecementos a Peón, Freixanes e Vizoso e, por último, Socorro Giz e o alumnado do CEIP Eduardo Pondal farán unha interpretación musical do Himno.

«Acepto o premio cun agarimo inmenso, aínda que o alcume me quede moi grande»

Mercedes Peón

«Sinto orgullo, porque vén do gran vate Pondal e tamén polo labor que fai a fundación»

Xosé Vizoso

«Estou moi agradecido, isto chega dunha desas asociacións que eu chamo ?de base?»

Víctor Freixanes