Os gardiáns dos golfiños

O Cemma atende cada ano máis de 250 incidentes con cetáceos

Juan Ignacio Díaz analiza un dos animais que apareceron en Fisterra.
Juan Ignacio Díaz analiza un dos animais que apareceron en Fisterra.

Carballo / la voz

Ás veces ocorre polo cambio nas correntes. Outras, pola forza dos temporais. E nalgunhas ocasións, como parece que foi o caso de Fisterra, por culpa dos aparellos de pesca. Tódolos anos, máis de 250 cetáceos veñen a morrer a onde remata o mar, na costa galega. A praia de Mar de Fóra foi estes días o cemiterio improvisado de catro golfiños, que morreron despois de quedaren enmallados no aparello dalgún barco que faenaba pola zona.

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) leva máis de 20 anos percorrendo a costa galega para velar polos cetáceos, tartarugas e focas que chegan aos areais. Son os gardiáns destas especies protexidas. Juan Ignacio Díaz, responsable de varamentos do CEMMA na zona norte (desde Fisterra ata Ribadeo) estivo onte en Mar de Fóra para buscar respostas sobre a aparición dos golfiños.

Desprazouse desde Ferrol, onde tamén é responsable do museo da Sociedade Galega de Historia Natural, para analizar os restos dos cetáceos. «Os indicios apuntan ao que nos chamamos unha ?captura accidental?, xa que os animais quedan enganchados no aparello e, moitas veces, morren», explica Díaz, que ten máis de dúas décadas de experiencia neste tipo de operacións.

Juan Ignacio Díaz apuntou que se produciron outros dous incidentes nas últimas datas no municipio de Fisterra. «Hoxe -por onte- atopamos restos dunha tartaruga de coiro na mesma praia de Mar de Fóra, e unha peregrina que paseaba pola zona ensinounos unha foto doutro animal da mesma especie en Langosteira», dixo Díaz despois dunha longa xornada de traballo. Está previsto que ao longo desta mañá os equipos de Protección Civil se despracen ata ese areal.

O volume de varamentos increméntase nesta época do ano. «Os temporais e, sobre todo, os cambios no vento afectan moito a estes animais», di Díaz, que aínda ten moi presente o suceso que tivo lugar na ría de O Barqueiro a comezos de outubro, no que chegaron ás praias 22 caldeiróns tropicais e só puideron salvar a tres. «O caso foi especialmente dramático porque chegaron vivos. Tivemos unha loita moi dura; devolvíamos os animais ao mar e eles volvían a varar na seguinte praia e tiñamos que empezar de novo».

Colaboradores

Para actuar con maior celeridade, o CEMMA nútrese dunha rede de colaboradores espallada por toda Galicia, formada por voluntarios e organizacións ecoloxistas como Adega ou Verdegaia. Teñen unha centraliña en contacto directo co 112, polo que en canto reciben aviso, chaman a Protección Civil e intentan poñer a salvo aos animais, se é posible.

En caso de que sexa demasiado tarde, os traballadores do CEMMA analizan os restos para indagar nas causas destas mortes e evitar, na medida do posible, que se repitan.

varamentos en fisterra analizan os catro mamíferos que chegaron a mar de fóra

«Parece que os golfiños morreron ao quedaren enmallados no aparello dalgún barco da zona»

«A época na que veñen temporais e os cambios de vento resulta crítica»

Juan Ignacio Díaz

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Os gardiáns dos golfiños