E logo hai que dicir que chove

CARBALLO

14 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non sei desde onde leredes estas liñas. Seguro que non estades na cola do paro. Seguro que hoxe non ides a poñer en risco a vosa crisma baixando coa rasqueta ata os cons para sacar unha puñada de percebes. Seguro que tampouco estaredes arranxando as nasas no porto. Seguro que esas mans coas que colledes o xornal están limpiñas e coidadas. Iso si, por dentro estades máis negros que aquelas praias de novembro.

A sentencia de onte non vos preocupaba nin o máis mínimo. Porque xa vos librastes cando non vos sentaron nese banco. Precísanse máis de catro mil días para concluír que non hai culpables. Que ninguén é responsable de repartir o veleno dun xigante desangrado por toda a Costa da Morte. Que ningún de vós falou de «hilillos», que ningún dixo que o fuel ía acabar sendo «adoquín».

Ninguén de vós moveu un dedo mentres os de sempre loitaban coas súas mans contra un mar negro.

E si, tamén vos falo a vós. Aos que pediades con sorna «Outro Máis» en vez de berrar «Nunca Máis». Aos que pescades con dinamita. Aos que esquilmades o tesouro marisqueiro fóra da legalidade. Aos que lle prendestes lume ao Monte Pindo. Aos que tocades coa Orquesta a canción dunha man diante e outra por detrás.

Andaba a xente estes días berrando pola tele e pola internet «¡Se chove, que chova!». E digo que vós como xa mexabades, podedes seguir mexando por nós.