Por tódolos náufragos da Costa da Morte

Marisol Soneira

CARBALLO

09 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Na década dos sesenta miña nai, nacida en Santa Mariña pero veciña de Buría (Camariñas) por matrimonio, acudía con regularidade anual á cita festeira da súa aldea de orixe que, durante moitos anos, foi unha das romarías de máis sona da contorna. Faciamos o camiño andando, peteirando nas primeiras amoras que abrochaban e parando en casas que, como estacións de dilixencia, aparecían cada certo treito do camiño: Cancela do Sixto, Lamastredo, Pescadoira, Brañas Verdes e, ao remate, Santa Mariña pendurada da ladeira do monte co mar ao fondo.

Poucas experiencias lembro con máis ledicia que aquel viaxe anual. Pero a viaxe só era o preámbulo doutras experiencias aínda máis emocionantes para unha nena de menos de dez anos. A emoción viña cando, caída a noite, a avoa comezaba o relatorio de vidas de antes con todo un corro de netos de tódalas idades e de tódolos tamaños sentados ao seu redor no illar da lareira.

Nestes relatorios o Serpent e os naufraxios eran sempre as estrelas. O conto sempre comezaba do mesmo xeito, «sendo eu cativa....» e contábanos como o seu pai, sendo un rapaz, xunto con outros veciños de Santa Mariña e de Brañas Verdes baixaron os areais de Trece para recoller da marea «coma se fose alghaso das leiras» os corpos de homes mozos que o mar ía depositando de xeito piadoso. Durante varios días carrexaron cadáveres en carros do país e construíron o camposanto dos ingleses para darlles sepultura.

O Serpent deixou 172 dos seus tripulantes na costa de Camariñas pero deixou tamén varias pegadas que compre recoñecer. A toponimia da Costa da Morte bautizou a pedra onde embarrancou o Serpent como O Baixo do Serpent na Punta do Boi; o seu naufraxio foi o detonante que fixo posible a mellora da sinalización marítima da Costa da Morte e a construción do faro de cabo Vilán que hoxe coñecemos; pero tamén destapou a situación de abandono e illamento en que se atopaba todo este territorio.

Este domingo cúmprese o 123 cabodano do naufraxio do Serpent e algunhas persoas iamos a reunirnos alí á mesma hora en que os homes do buque inglés loitaban pola súa vida e non o conseguiron hai máis dun século. Pero non é só unha homenaxe a un barco e a uns náufragos concretos senón «en memoria de tódolos náufragos da Costa da Morte» tal e como figura no monolito existente no Cemiterio dos Ingleses, rehabilitado polo Concello de Camariñas xa hai un tempo, cando todos eramos un pouco mais novos e os contos da avoa aínda estaban frescos na memoria.

Por desgracia a avoa Carmen xa non está, pero a memoria e o sentimento perduran.