«Empecei tocando con botes de Cola Cao»

La Voz

CARBALLO

26 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Kiko Iglesias foi un dos promotores do Lembranza Rock «orixinal», celebrado no ano 2007 na sala Dublín, e hoxe participará na nova xuntanza do rock carballés organizada na Oktoberfest cos seus vellos compañeiros de Trámites, o grupo que formaran alá polo ano 1987.

-¿Teñen pensado volver a tocar xuntos de xeito habitual?

-Moita xente mándame whatsapps estes días dicíndome que se alegran de que volvamos estar xuntos, pero non. Isto é simplemente unha reunión de amigos de xeito puntual, porque ademais eu estou tocando agora a batería cos Killer Cats, Fran [Méndez] está con The Cerne... Cada un ten as súas historias.

-¿Como ve o panorama do rock carballés na actualidade?

-É moi distinto ao de antes, empezando xa polos medios que teñen os grupos. Os músicos daquela época tiñamos algo en común que nos unía moito: non tiñamos material. Poucos podían comprar un amplificador ou unha batería e tiñamos que compartir. Coñeciámonos todos, tiñamos moita unión e prestabámonos os instrumentos. Hoxe en día cada un anda ao seu aire e hai pasta. Cando vou a un concerto de rapaciños alucino cos equipazos que teñen, mentres que eu empecei tocando con botes de Cola Cao e bidóns de deterxente.

-¿A paixón pola música non se vai?

-As gañas e a ilusión seguen igual. Estamos enganchados.

-¿Como espera que sexa a noite?

-Pois espero que haxa moita xente porque temos moitos amigos, haberá cervexa e con este tempo, qué mellor sitio que a carpa para meterse [ri].