O FIOT concede o Xograr de Outono póstumo a Xosé Manuel Olveira «Pico»

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

O actor, falecido en xuño deste ano, participara en varias edicións do festival e noutros actos culturais de Carballo

20 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Por segundo ano consecutivo, os organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro decidiron aproveitar a entrega do premio Xograr de Outono para render unha homenaxe póstuma a alguén vencellado a esta cita carballesa.

Se o ano pasado o galardón foi para o deseñador Alberto Gende, que falecera uns meses atrás deixando tras de si unha inmensa pegada en forma de imaxes para o FIOT, este ano o premio será para o actor Xosé Manuel Olveira, Pico, unha das caras máis coñecidas da escena galega e que participou en varias edicións do festival carballés.

Pico, falecido o pasado mes de xuño aos 58 anos, estivera por última vez no FIOT dous anos atrás, no 2011, cunha das obras máis destacadas daquela edición, O florido pensil, na que compartía escenario con outros coñecidos actores: Antonio Durán Morris, Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra. Catro anos antes, no 2007, subirase tamén ao escenario do Pazo da Cultura con Noite de Reis, montaxe que foi recoñecida polos espectadores daquel ano co Premio do Público do FIOT. Ademais, Pico visitou Carballo en máis ocasións para participar en outros actos dos programas culturais do Concello.

Mareas vivas, Padre Casares ou Matalobos foron algunhas das súas incursións na televisión, mentres que na gran pantalla deixouse ver en títulos como Sempre Xonxa, A lingua das bolboretas ou Mar adentro. Logrou en catro ocasións o premio María Casares.

O acto da entrega do Xograr de Outono celebrarase o próximo sábado coa presenza dalgúns dos familiares do homenaxeado e nos prolegómenos da representación de Criaturas, obra de Roberto Vidal Bolaño, que tamén recibiu este galardón a título póstumo no ano 2002.

Os responsables do FIOT explicaron onte que o nome de Pico xa estivera nas propostas finais para recibir o premio en anos anteriores.