«As mulleres do ámbito rural son auténticas heroínas»

MARTA VALIÑA CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Participará este sábado en O Couto nunhas xornadas sobre emprendedoras promovidas pola Fundación Eduardo Pondal

26 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal e a Secretaría Xeral de Igualdade firmarán nuns días un convenio de colaboración polo que a entidade pontecesá porá en marcha a Casa da Muller e da Igualdade, unha iniciativa para a posta en marcha de todo tipo de actividades encamiñadas á consecución da igualdade en todos os ámbitos. A primeira delas será a Xornada de Emprendedoras da Ribeira Baixa do Anllóns, que se celebrará este sábado (17.00 horas) e na que tamén participará a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella (Taboada-Lugo, 1967). «O traballo que fai a Fundación Pondal é moi importante para nós, porque dende a súa posición tamén están axudando a previr a violencia sexista», asegura.

-¿Que levou á Secretaría Xeral á colaboración coa Fundación Pondal?

-Hai uns meses visitei a fundación e quedei moi gratamente sorprendida. Asistín á representación de No bico un cantar e quedei prendada do traballo que fan no Couto. Nese momento faláronme da Casa da Muller, que segue a nosa liña de obxectivos de proxección e visibilización do labor da muller rural, así que o traballo da Fundación será moi importante para nós. Axudarannos a desenvolver labores de divulgación dos proxectos que poñemos en marcha, sobre todo en materia de prevención da violencia machista, porque sabemos que no ámbito rural a violencia sexista está máis oculta e queremos que se dea un paso adiante. Que haxa tolerancia cero nese sentido e a fundación está traballando moi ben nese camiño. O importante é que porán en marcha iniciativas non só destinadas a mulleres, senón tamén a homes, porque os avances que hai en materia de igualdade tamén son grazas aos homes.

-É obvio que o seu departamento centra os seus esforzos na loita contra a violencia machista.

-Iso é fundamental. Neste momento a nosa intervención cando detectamos un caso é inmediata e ofrecemos axudas económicas de diversos tipos, pero temos que redobrar esforzos para prevención, dende as idades máis temperás. Sobre todo dende a xuventude, onde constatamos que están reproducíndose estereotipos que pensabamos esquecidos e máis propios doutras xeracións. E nese sentido é moi importante o labor que vai desenvolver a Fundación Pondal, porque vai axudarnos en tarefas de sensibilización e tamén na prevención.

-¿Xornadas coma a do sábado tamén axudan á prevención?

-Efectivamente, porque van encamiñadas á creación de emprego e cando unha muller ten emprego e independencia económica séntese máis libre para denunciar a súa situación. E tamén está demostrado que cando nunha sociedade hai igualdade real e efectiva hai menos violencia sexista. O desenvolvemento dun traballo e a realización persoal da muller son pasos cara adiante cara a igualdade real e efectiva.

-¿É máis difícil lograr a igualdade no ámbito rural?

-Si, as cousas son máis complicadas no ámbito rural, por iso é moi importante que, como vai acontecer en Ponteceso, haxa mulleres que falen das súas iniciativas. Esa é unha boa maneira de animar a outras mulleres a tomar o mesmo camiño. É moi importante e enriquecedor que falen das súas experiencias e nas xornadas deste tipo sempre queda claro que as nosas mulleres do ámbito rural son auténticas heroínas e merecen todo o noso respecto e que as escoitemos porque temos moito que aprender delas.

-É rechamante que as mulleres do rural sexan menos visibles cando elas foron, en moitas ocasións, as que tiraban do fogar.

-Así é, a Galicia rural caracterizase polos seus matriarcados e o noso contexto histórico amosa que en moitas ocasións foron as mulleres as que sacaban adiante ás súas familias. Iso é precisamente o que contaba a obra No bico un cantar que tiven a oportunidade de ver en Ponteceso. E en moitos casos esa situación séguese a manter, pero temos que facer que se vexa, visibilizar esa situación. Na representación da Fundación Pondal quedei gratamente sorprendida ao ver que na obra participaban avoas, nais, nenos... Quedei prendada do ben que souberon amosar o pulo que tiveron sempre as mulleres, o gran esforzo que fixeron sempre na Galicia rural.

-¿Inflúe tamén a crise na violencia sexista?

-Os datos que temos reflicten que estamos máis o menos igual que outros anos, polo menos no que se refire a ordes de protección, pero haberá que esperar ata fin de ano para falar con rotundidade. Quero ser prudente porque detrás dos números sempre hai o rostro dunha muller que sofre. En calquera caso, os orzamentos do 2013 respecto ao 2012 en materia de sensibilización e intervención en materia de violencia de xénero houbo un lixeiro incremento e aínda que é cedo para avanzar as contas do 2014 si teño claro que hai unha conciencia no Goberno galego de que no ámbito da violencia debemos seguir nos mesmos niveis de esforzo orzamentario.

SUSANA LÓPEZ ABELLA SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE