«En todas as familias desta zona houbo algún canteiro»

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Gabriel Varela presentou o seu traballo o pasado domingo na Casa dos Veciños de Brantuas.
Gabriel Varela presentou o seu traballo o pasado domingo na Casa dos Veciños de Brantuas. ana garcía< / span>

Dedicou máis dun ano en recompilar a historia dos artesáns de Niñóns e Brantuas

03 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Durante máis dun ano dedicouse a interrogar aos seus veciños para conseguir revivir un anaco da historia das parroquias pontecesás de Niñóns e Brantuas e o froito desas entrevistas é Lembranza ós nosos canteiros, un extenso e completo traballo sobre os artesáns das dúas parroquias dende o século XIX ata a actualidade. Gabriel Varela Pose (Niñóns, 1949) presentou a súa investigación o pasado domingo, nunha homenaxe que a asociación Nosa Señora do Faro de Brantuas dedicoulles aos canteiros da zona, que acadaron sona incluso ao outro lado do Atlántico.

-Polo que se viu o domingo raro é o veciño que non proveña dunha familia de canteiros.

-Case é imposible. Aquí en todas as familias había algún, por iso este é un traballo que, penso, só terá interese para os veciños de aquí, porque todos temos algunha relación con algún dos que aparecen nas páxinas.

-¿Tamén vostede?

-Pois si, eu son da familia dos Soneiras. Meu tataravó era Manuel Varela Soneira e o seu fillo, o meu bisavó, Ramón Varela González, co que me criei, tamén foi canteiro durante algún tempo. E facendo o traballo, a través de José María Varela, da Fundación Pondal, conseguín unha foto, que incluín no traballo, na que se ve como o meu tataravó facía a casa de Severito Pet, en Ponteceso. Para min foi unha ilusión tremenda atopar esa imaxe.

-¿Que o motivou a facer o libro «Lembranza ós nosos canteiros»?

-Levo maquinando nel dende hai moito tempo, pero en serio púxenme hai ano e pico. Fixen o primeiro perfil e amoseillo aos compañeiros da asociación e gustoulles. Como xa andabamos a pensar na homenaxe aos canteiros animáronme a que continuase co traballo e así foi como saíu adiante. Despois foi cuestión de falar con moita xente e ir tirando dos fíos.

-Moitos dos canteiros de Brantuas e Niñóns emigraron a Sudamérica.

-Si, toda esta zona foi un ventre de aluguer para a man de obra ao outro lado do Atlántico. A emigración era case a única saída que tiñan os veciños desta zona, porque aínda que estas eran terras ricas, todo o que había era de dúas familias e os veciños tiñan que pagarlles con moito do que producían. Por iso moitos fixéronse canteiros e despois marcharon. Ao principio, no século XIX, marchaban para Cuba, pero despois cambiaron para Uruguai. Rara é a familia de por aquí que non teña a alguén no estranxeiro.

-Marcharon e fixeron grandes fortunas.

-E que aquí había xente moi lista e moi traballadora, como Ricardo Daniel Pose Ouréns, da familia dos Castrexos, que fixo fortuna e doou, entre outras cousas, a estrada ao monte Faro, o monumento ao Corazón de Xesús e os peches do cemiterio novo. Eran moi bos canteiros e aló eran moi apreciados.

-Eran bos no seu traballo alá e tamén aquí.

-Por suposto, e moitas das casas que eles fixeron seguen aínda en pé. As súas estruturas non veñen abaixo do ben feitas que están. Xa o dixo o arqueólogo Xurxo Ayán, que o Castro das Croas consérvase moi ben porque está moi ben feito, e que aquí xa había bos canteiros hai dous mil anos.

-¿Onde collían as pedras?

-Moitas viñan do Roncudo, onde había varias familias que se dedicaban a coller a pedra e a vendía case lista.