Contrato na Fundación Fernando Blanco

Darío Areas

CARBALLO

13 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

AFundación Fernando Blanco de Lema asinou, o 15 de outubro de 2012, un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña, para financiar o seu programa de actividades culturais. Entre elas está a de sufragar as clases de reforzo para un total de 20 nenos de familias sen recursos dos centros de ESO. Dita selección de alumnos/as foi realizada polos orientadores dos citados centros de ensino.

Hai unha cláusula no convenio asinado que literalmente di: «Se o importe dalgunha das prestacións supera os 18.000 ?, con carácter previo á contratación a Fundación Fernando Blanco deberá solicitar alomenos tres orzamentos a distintos provedores; entre as ofertas recibidas, deberase elixir unha delas de acordo con criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia sobre a oferta máis vantaxosa economicamente». Dado que o custe das clases de reforzo é claramente inferior ós 18.000 ?, a Fundación non tiña a obriga de solicitar varios orzamentos.

Aínda así, e sen ter esa obriga, eu persoalmente falei cos responsables de tres academias de Cee para que me fixeran chegar as súas ofertas. O seguinte paso foi comunicar estas ofertas ós meus compañeiros do Padroado da Fundación Fernando Blanco, e, unha vez analizadas, decídese encomendar as clases de reforzo á academia Acerta Formación por resultar a máis económica para as arcas da entidade.

Transmitimos a decisión á academia seleccionada e, pasados uns días, a finais do mes de setembro, cando publicamos a noticia nos distintos medios de comunicación, volvo a poñerme en contacto coas tres academias, ante o temor de que puidera xurdir algún tipo de polémica, como ó final xurdiu, para que me facilitaran dita relación anterior de prezos co formato dun orzamento ó uso. A miña sorpresa é que unha das academias decide modificar a oferta que nun primeiro momento nos dera, mellorando lixeiramente o prezo do centro de ensino seleccionado pola Fundación, pero a decisión xa estaba tomada e transmitida, e non era posible, loxicamente, dar marcha atrás.

Como Secretario da entidade, e como persoa que levou as rendas da concesión do contrato das clases de reforzo, teño a conciencia ben tranquila e afirmo que obrei con total transparencia e claridade, posto que no momento da concesión das clases de reforzo a mellor oferta era a de Acerta Formación. De tódolos xeitos, non teño ningún inconveniente en aportar a documentación precisa para demostralo.

Para rematar, como membro do Padroado da Fundación Fernando Blanco de Lema, e tamén como ceense, non só non me parece correcto, senón que me desagrada enormemente que se use o nome do máis ilustre fillo de Cee con fins políticos, e pediría que non se empregue o nome da centenaria entidade como arma arroxadiza nunha contenda que en nada nos atinxe.