«Mantemos o espírito orixinal da Carballeira»

Berrogüeto será o sábado o prato forte do festival folk

Fernando Nieto é secretario de Castro-Meda dende o 2006.
Fernando Nieto é secretario de Castro-Meda dende o 2006.

carballo / la voz

Recoñece que durante as últimas semanas nin el nin os seus compañeiros da asociación Castro-Meda, de Zas, tiveron apenas tempo para descansar. Pero non se queixa, porque sabe que os apuros de última hora permitirán que a Festa da Carballeira, que este venres e sábado cumpre 30 anos, saia á perfección. A Fernando Nieto Domínguez (34 anos), secretario da entidade, tocaralle traballar a reo durante toda a fin de semana, pero tratará de sacar tempo para gozar dun dos festivais folks máis importantes de todo o país e no que este ano participarán, entre outros moitos Berrogüeto e o grupo escocés Rua Macmillan.

-Era un cativo cando a Carballeira botou a andar.

-Era moi pequeno e apenas o recordo, pero dende moi noviño colaboro coa organización. Primeiro vendendo rifas e agora dende o principio ata o final.

-¿E estando detrás de todo os da organización tamén teñen tempo a pasalo ben?

-(Ri). Bueno, bueno, algúns máis que outros. Gozamos cos compañeiros e facendo que todo saia ben. É unha maneira de pasalo ben diferente, porque todo o mundo que colabora repite ano tras ano.

-Despois de trinta anos xa está claro que a Festa da Carballeira é un festival consolidado

-Si, dende hai moitos anos temos o noso oco no panorama folk nacional e entre as grandes festas da Costa a Morte. De feito cando imos polos pobos poñendo os carteis moita xente nos pregunta por que o facemos se todo o mundo sabe xa cando ten que vir á Carballeira. Pero non nos resistimos a empapelar a comarca con eles.

-Se non os puxeran sería un gran desgusto para os aos coleccionistas.

-Son preciosos, si. E traballo nos custa elixir o deseño todos os anos, porque sempre intentamos que sexa potente e que nada máis velo, sen ler o que pon, a xente xa saiba que se trata da Festa da Carballeira.

-¿É máis doado agora que os grandes grupos actúen en Zas?

-Ao longo do ano temos un montón de propostas e sempre recibimos moitísimas peticións de grupos menos coñecidos que queren vir á Carballeira e nos mandan un montón de material para que os coñezamos. Tamén pasa á veces cos grupos xa consagrados, como Berrogüeto, que nos insistiron moito dicíndonos que nunca viñeran á Carballeira, ou John Whelan, referente mundial do acordeón, que sempre nos di que este é un dos mellores festivais nos que estivo e que quere volver. E iso que xa estivo aquí tres veces.

-¿Cal é o truco para que siga a ser unha festa interxeracional?

-A Carballeira empezou sendo unha romaría entre veciños, unha festa na que se xuntaban para tomar un viño e empanada e iso non o perdemos e os veciños seguen a vir. Non é a primeira vez que vexo a algún de 70 anos na primeira fila, gozando do concerto. Vén xente de todas as idades porque unha das cousas boas que fixemos foi manter o espírito orixinal da Festa da Carballeira, aínda que agora estea noutra dimensión.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«Mantemos o espírito orixinal da Carballeira»