«A xente deuse conta da falta que fan os cabalos no monte»

elena eiras / x. a. CARBALLO /LA VOZ

CARBALLO

En Vimianzo serven carne de poldro no preámbulo da Rapa das Bestas

18 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Vimianzo vive con profundidade a cultura equina. Para os que non o recorden, os montes desta localidade foron sempre a salvaxe morada de miles de cabalos espallados polos seus montes, algo que se perdeu case na súa totalidade. Por este motivo, a asociación Monte Faro presidida por José Manuel Pereira Castiñeira (Vimianzo, 1971), quere levar a cabo un proxecto ambicioso para recuperar o a poboación cabalar e unha das iniciativas deste plan é degustación de pinchos de carne de poldro, que os bares de Vimianzo servirán hoxe de forma gratuíta como preámbulo da Rapa das Bestas.

-¿Como é a organización dunha rapa?

-Pois completa. Somos moitos traballando neste acontecemento. Na entidade Monte Faro somos 5 directivos, pero hai máis de 50 persoas implicadas na organización. Contamos, ademais, coa axuda do Concello e do Grumir, así como de moitos veciños.

-¿Cal é o principal atractivo para os asistentes?

-Polo xeral é a rapa en si, pero o máis bonito é a baixada das bestas bravas, porque aínda que é moi laborioso e non é apto para todo o mundo, tamén é o mellor. É como unha especie de San Fermíns a pequena escala.

-¿Haberá algunha novidade nesta edición da Rapa das Bestas?

-Si. Este ano organizamos a baixada das bestas bravas do monte, que será o domingo ás sete da mañá. Outros anos isto non foi posible simplemente porque non había animais no monte. Ademais contamos tamén cunha feira e demostración de gando, que tamén é algo novo.

-¿O preámbulo dos pinchos tamén é novidade, non?

-Si, foi unha nova iniciativa que desenvolvemos este ano e esperamos unha boa resposta por parte da xente.

-¿Pensa que ten demanda este produto?

-Moito. Pensamos que serían poucos os locais que quererían formar parte da xornada de hoxe, pero todos quixeron participar e esgotamos a carne. Este ano, a xente deuse conta da falta que fan os cabalos no monte, porque realizaron unha estupenda labor de limpeza dos camiños polos que agora se pode transitar. É algo que todos vemos. Ademais, a súa carne é moi saborosa e moi sa. Temos grandes expectativas polos resultados do ano pasado, no que asistiron 1.000 persoas e consumíronse 300 quilos de poldro.

-¿Cal é o principal obxectivo que perseguen?

-Tentamos recuperar o costume de ter as bestas bravas no monte, que é moi beneficioso para o medio e tamén para nós, xa que sacamos unha carne estupenda.

-¿Teñen que afrontar moitos atrancos?

-A escaseza das axudas, porque falar con organismos públicos e facer informes é unha perda de tempo. Pero o maior problema son os lobos. Dá moita rabia subir e atoparse aos poldros cheos de mordeduras e feridos.

-¿Como se podería evitar?

-O ideal sería manter un determinado número de lobos en relación aos animais que teñamos alí, porque do contrario masácranos. A solución máis normal serían as batidas controladas porque, do contrario, cantos máis animais vivan alí, máis lobos aparecerán.