Ben Cho Shey e o «Cancioneiro e refraneiro de Corme»

XOSÉ M. VARELA VARELA

CARBALLO

O escritor e investigador visitou a vila pontecesana no verán de 1947

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:32 h.

Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey (Ourense, 1896-Madrid, 1988), publicou en 1951 na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares unha compilación de textos de orixe popular baixo o título Cancioneiro e refraneiro de Corme. Este traballo fora realizado escasos anos antes. Da maneira en como se elaborou o traballo de campo relátanolo o propio Ben Cho Shey nun artigo que viu a luz no xornal vespertino compostelán La Noche do 15 de novembro de 1947.

No verán dese ano, Ben Cho Shey estaba na vila de Carballo. Na encrucillada de estradas da Praza de Galicia, encóntrase cun autobús do Cotelo de Corme. A el, esta empresa buseira xa lle resultaba coñecida dado que no seu desterro en Cáceres vira «arrombado á sombra duns eucaliptos un auto de liña sobre cuio fondo de sínople campaba iste letreiro». Este reencontro «co vello amigo» na capital de Bergantiños causoulle tal ledicia que decidiu embarcarse nel «sin reparar na súa vellice, nin nos alifaces que os anos lle foron deixando, decidido a seguilo ata o final do seu roteiro».

Durante o traxecto, o vello autobús amosáballe ó viaxeiro sentimental as «bariles perspectivas da terra de Bergantiños». Pasan o repeito do monte de Santo Amaro e descobren a silueta de Buño, «a Meca dos cacharros marelos», como a define Oxea. Achéganse a Ponteceso onde observa «a preciada reliquia do pazo que sirveu de morada ó bardo Pondal». Agabea pola estrada do Couto «en precura do magnífico mirador a cuios pés se extende o maravilloso panorama daquil ridente val salferido de pobos evocadores como Niñóns, Brantuas, Cospindo e Nemeño». Tras descender dese cumio pasa «polo lugar da Aldea, antesala do porto de Corme, final e meta do viaxe do Cotelo».

Neste remate, Fernández Oxea encóntrase coa maxia arquitectónica desta vila mariñeira: «As casas teñen un feitío característico e singular». Sorpréndese coa vestimenta das mulleres que «van aínda á misa de mantelo». Tamén lle causa admiración as concentracións de mariñeiros: «Xúntanse na Torriña pra ollar o mar e ver como a sombra dunha casa marca as doce nun penedo que alí hai».

O Roxiño

Pero a Ben Cho Shey o que máis lle encheu o ollo foi a barbería do Roxiño, Juan Cruz Cousillas: «Entre tódalas cousas curiosas que garda Corme sexa a millor a barbeiría da rúa Maior». Esta era lugar de reunión «da xente moza e leda que leva unha cántiga nos beizos e unha ilusión dentro do peito». A música tiña nesta perrucaría un espazo especial dado que das súas paredes «penduran guitarras, bandurrias, violís e toda clas de instrumentos pra formar unha rondalla». Toda esta instrumentación foi orixe dunha rondalla da que aínda hoxe quedan superviventes. Na barbaría, as fillas do dono rasuraban facianas e tonsuraban cabezas mentres os seareiros botaban «cantos enxebres de rexo sabor mariñeiro, misturados con outros varudos de terra adentro».

Nesa tarde de verán, Ben Cho Shey, entre tanto informante familiar e seareiro da perruquería, recolle gran parte dos textos que forman parte do Cancioneiro e refraneiro de Corme: «Eu débolle unha serán deliciosa pasada naquil grato ambente e unha abondosa colleita do saber popular». Para toda esta enxebreza literaria, Oxea tamén albisca futuros perigos: «Cando os anos decorran e as radios infesten a nosa terra de cantares flamencos e mexicanos aínda ficará en Corme algunha velliña de mantelo e algún patrón farto de singladuras que, lembrando tempos da súa mocedade, canten as cántigas deprendidas na barbeiría de Cousillas».

De todos os informantes cormeáns quen máis admiración espertou en Ben Cho Shey foi o barbeiro Juan Cruz Cousillas, o Roxiño. Del ofrécenos unha descrición física: «O Fígaro de Corme é un home de cara ridente, pelo rizoso e ollar cazurro». O seu carácter de galego vénlle marcado polos seus dous apelidos: «Galego de corpo enteiro, dende a Cruz do seu primeiro apellido ás Cousillas do segundo».

Á parte da súa faceta musical do barbeiro, Ben Cho Shey encontrou nel un imprescindible informante «poseedor dun repertorio inacabable de contos, cantigas e refrás cos que decora a súa engailante conversa». Un verdadeiro poeta popular: «Ten vena de poeta fácil i é o autor das cousas que os mozos de Corme cantan nas comparsas do Carnaval e noutras festas da mocedade». Para Fernández Oxea, Cruz Cousillas era «vivo arquivo do folklore bergantiñán». Esta herdanza foi tamén recibida polas súas fillas. Casado con Manuela Cousillas Collazo, era pai de dous fillos (Juan e Aurelio) e sete fillas. As que se dedicaban ó oficio paterno eran Ascensión (Chela), Francisca (Paca) e Manuela (Manolita).