Un poemario «moi social» gaña o primeiro Premio Gonzalo López Abente

carballo / la voz

CARBALLO

Daniel Salgado recollerá o galardón o día 20, durante o recordo do 50.º aniversario da morte do autor muxián

03 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non foi doado, pero o xurado da primeira edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente, composto polos escritores Marilar Aleixandre, Miro Villar e Xosé Henrique Rivadulla Corcón, xa ten gañador. Os tempos sombrizos (diario), do lucense Daniel Salgado (Monterroso, 1981), acadou o galardón por unanimidade, impoñéndose aos outros 53 orixinais procedentes de toda Galicia. «Temos a sorte de que temos unha comunidade de poetas importante e relevante, así que houbo moita participación e moita calidade», explicaba onte Rivadulla Corcón, quen destacou que a obra, premiada con 2.000 euros, será publicada por Edicións Xerais.

O xurado salientou que o poemario de Daniel Salgado, licenciado en Ciencias da Comunicación e doutorado en Filoloxía Galega, amosa un gran compromiso con Galicia. «O primeiro que nos chamou a atención foi a estrutura do libro, que, como indica no título, é como un diario no que alguén relata a súa experiencia. É unha experiencia moi social e solidaria co entorno, é unha obra cun claro compromiso anticapitalista, cunha forte carga ideolóxica a favor da liberdade e da xustiza social», explicou Rivadulla Corcón.

O fallo do xurado tamén resalta que o traballo de Daniel Salgado «presenta unha rica intertextualidade coa poesía e a música contemporáneas, o jazz nomeadamente, e con poemas de forte contido metaliterario».

Salgado, autor de Sucede, Días no imperio ou Ruído de fondo, entre outros libros, recibirá o seu premio o vindeiro día 20, nun acto que se celebrará en Muxía para recordar o 50.º aniversario da morte de Gonzalo López Abente. Nesa xornada, entre outras actividades, destaca unha conferencia sobre a obra do autor muxián que impartirá Xosé Luís Méndez Ferrín, e a presentación da edición da Obra Poética Completa de López Abente, preparada por Miro Villar e editada por Espiral Maior.