«A da Carballeira é a festa máis esperada polos veciños de Baio»

MARTA VALIÑA CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Centos de persoas volverán a reunirse este domingo nunha paraxe única

26 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O vindeiro mes de setembro José Reborido Castiñeira (Nantón 1964) fará un ano ao fronte da asociación cultural Adro, de Baio. Tomou as rendas sen moito convencemento, para que a entidade, con máis de 30 anos de historia, non desaparecera. Hoxe, o presidente de Adro amósase encantado por ter tomado unha decisión que, entre outras cousas, permitirá que este domingo volva a celebrarse a famosa Festa da Carballeira, unha cita que os veciños de Baio nunca queren perderse. «Xa está todo listo, só falta que a xente acuda a pasalo ben», asegura Reborido.

-¿Haberá algunha novidade na Festa da Carballeira deste ano?

-Non, iremos na mesma liña que en anos anteriores porque esta é unha festa que sempre funcionou moi ben. ¿E para que tocar o que xa funciona ben? Ten a fórmula perfecta: baile, festa, comida, diversión e boa compañía. Por iso a da Carballeira é a festa máis esperada e desexada polos veciños de Baio. É unha cita anual imprescindible para todos nós.

-¿Haberá sitio para todo o mundo ou xa hai que ir reservando espazo?

-Reservar, non se reserva, pero si é certo que algunhas pandillas das que van todos os anos xa acotaron o seu espazo na carballeira hai cousa de dous meses, porque lles gusta pórse sempre no mesmo sitio. As peñas xa marcaron con cintas o seu espazo e hai unha zona grande xa reservada, pero na carballeira hai sitio de sobra para todo o que queira pasalo ben.

-¿Puxeron algún problema os donos da carballeira?

-Ao contrario, sempre nos apoiaron moito. Os donos viven na Coruña, pero sempre se sentiron moito cariño por Baio e xamais puxeron pega algunha á celebración da festa.

-Cando foi elixido presidente de Adro dixo que non quería o cargo, que o aceptaba porque non había ninguén máis. ¿Que balance fai un ano despois de tomar aquela decisión?

-(Risas) Pois agora estou encantado. É un orgullo ser da directiva de Adro e ser o presidente aínda máis, a pesar de que haxa momentos nos que os membros da directiva esteamos un pouco sufocados, porque somos poucos e non estaría mal que se uniran dous ou tres persoas máis. Sobre todo cando hai que facer papelame ou temas burocráticos, que dan moito traballo. Pero a pesar dos momentos de máis traballo eu recoméndolle a todo o mundo, porque é moi enriquecedor. Temos moitos colaboradores, calquera veciño está disposto a botar unha man cando pedimos axuda, pero o que si faría falta sería alguén máis para a xunta directiva.

-¿Como sobrevive unha asociación en tempos de crise?

-O tema das axudas e das subvencións está complicado, moi complicado. De feito, nós non recibimos no 2012 a da Deputación e a deste ano solicitámola e xa nos contestaron que se reduciu moito, porque antes eran 3.000 euros e agora falan de 600. En calquera caso, aínda non sabemos se a teremos porque hai moitas peticións. A nós sálvanos que o Concello sempre nos bota unha man. Axúdanos economicamente para a Carballeira e despois sempre lle estamos pedindo cousas para as demais festas que facemos ao longo do ano.

-¿Teñen pensada algunha actividade para o verán?

-O verán para Adro son dous meses de vacacións. Os cursos acaban o sábado e non se retomarán ata setembro, aínda que si temos preparadas catro excursións para os meses de xullo e agosto.

-¿Haberá novidades en setembro?

-Este ano levamos unha alegría enorme na clausura dos cursos de música, que tivo moito éxito. Xuntáronse os grupos de pandeireta, de gaita e de acordeón e interpretaron xuntos a Marcha do Antigo Reino de Galicia e gustou moitísimo. Sempre actuaban por separado e aos veciños gustoulles moitísimo que saíran xuntos, así que quizás este sexa o xerme dunha banda.