«No San Xoán hai tempo para todo»

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O párroco de Carballo, José García Gondar, di que non saltará as cachelas, pero gozará das festas como un carballés máis

16 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que naceu na parroquia estradense de Oca, o párroco de Carballo, José García Gondar (1942), asegura que se sinte carballés polos catro costados, un sentimento lóxico tendo en conta que chegou á vila «o 1 de agosto de 1972», cando a capital de Bergantiños, recorda, era aínda un pequeno pobo. Moitas cousas cambiaron dende entón, pero o que non mudou é o bo humor que o sacerdote amosa sempre que ten ocasión, no seu espazo semanal en Radio Voz Bergantiños, A Voz da Igrexa, pero tamén nas súas homilías, cada vez máis concorridas.

-Chegou a Carballo sendo un rapaciño...

-¡E aínda o son agora! (ri).

-¿Como cambiou Carballo nestes últimos 41 anos?

-Carballo pasou de ser un pobo a ser unha cidade. Cambiou fisicamente, pero, sobre todo, dende o punto de vista da educación e da formación, porque de haber un só instituto e só un colexio, pasamos a ter catro institutos e media ducia de colexios. Carballo viviu unha auténtica revolución cultural nestes 41 anos. Ademais, cando cheguei aquí chamoume moito a atención que apenas había persoas maiores.

-O que non cambiou é as ganas que teñen os veciños de que chegue o San Xoán. ¿Como vive o párroco o día do patrón?

-Para min o día máis importante é a Vixilia Pascual e a Semana Santa, pero San Xoán é unha celebración entrañable, igual que o día do Santísimo e sempre nos acompañan un grupo numeroso de sacerdotes, amigos e da comarca, e dende hai bastantes anos, como fan na Catedral, o alcalde presenta unha invocación ao San Xoán pedindo por todo o Concello.

-¿E como o celebra?

-Con misa e mesa, porque como fan os carballeses o día do patrón invito á familia e aos sacerdotes amigos a comer e gozamos dunha boa sobremesa.

-¿E tamén salta as cachelas?

-A noite previa ao San Xoán estou moi ocupado preparando as comuñóns e os actos do día seguinte, así que non vou ás cachelas. Ademais, eu xa non estou para saltar (ri). Iso déixollo aos máis novos.

-¿Que lle parecen todos os ritos pagáns que hai arredor do San Xoán?

-No San Xoán hai tempo para todo e paréceme ben que a xente siga coas tradicións. Son días de reunión familiar, de estar cos máis próximos e tamén de pasalo ben. As procesións e as misas son compatibles tamén coas demais tradicións do San Xoán, aínda que non sexan relixiosas e está ben que despois da misa os veciños tamén vaian á praza a botar uns bailes.

-Consérvanse as tradicións, pero en Carballo case nunca hai ningún Juan, nin Xoán entre os bautizados. ¿Seguen a primar os nomes innovadores ou estamos volvendo aos clásicos?

-(Risas). Eu sempre reivindico os nomes de Juan, Manuel, Pepe, María e Carmen, pero é verdade que estiveron moi esquecidos durante uns anos. Agora, por fin, estannos retomando.

-Houbo unha época na que seguro que se sorprendía cando os pais lle dicían o nome que elixiran para o seu neno.

-Si, eu sempre lles decía que eran nomes de «importación», pero xa se sabe que «para gustos se pintan colores». Na reunións previas ao bautizo que teño cos pais sempre lles explico que o nome ten que ser cristiá para que o neno teña un patrón que interceda por el, pero non sempre me fan caso, así que lles pido que para o próximo fillo elixan algún nome que estea no santoral.

-¿Recorda algún nome especialmente raro?

-Ningún en concreto. Dependían moito das series de televisión que estiveran de moda en cada momento, pero nunca me neguei a pórlle un nome a un neno por raro que fose. Eu sempre protestaba porque no rexistro civil non admitiran o nome de Pepe ou de Lola, e en cambio admitían calquera outro nome que viña de fóra. Eu sempre os aceptei todos.

-Visto dende fóra é curioso comprobar o ben que se leva a Igrexa de Carballo co goberno nacionalista.

-A parroquia ten as portas abertas para todo o mundo e colabora con todo tipo de administracións, porque eles tamén nos axudan moitísimo. Temos unha colaboración fraterna co Concello, igual que a tiñamos antes, porque todos buscamos o ben común e o ben de Carballo.

-Din que coa crise a xente vai máis a misa. ¿Ocorre o mesmo na súa parroquia?

-Coa crise aumentaron as peticións de axuda, pero tamén creceu moitísimo a solidariedade e a xente, a pesar de que ten menos, fai un esforzo para axudar aos que aínda están peor. Respecto as misas, efectivamente, cúmprese iso de que un acórdase de santa Bárbara cando trona, e coa crise e en momentos de sufrimento a xente vai máis a misa.