Mostras de amor polo propio

m. v. m. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Grupos de toda a provincia participaron no Día da Muiñeira organizado por Nemeth.
Grupos de toda a provincia participaron no Día da Muiñeira organizado por Nemeth. ana garcía< / span>

Máis de 300 bailaríns de 12 asociacións de toda a provincia bailaron ao unísono en Carballo a muiñeira «Buxos Verdes»

03 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Impresiona ver a máis de 300 bailaríns interpretando ao mesmo tempo unha mesma peza. Impresiona tanto que non é de estrañar que os aplausos soasen atronadores cando os participantes na 32.ª edición do Día da Muiñeira de Carballo remataron de bailar ao unísono a muiñeira Buxos Verdes, que tocaron con mestría os integrantes da banda de gaitas Lembranzas de Bergantiños. Aplausos para pequenos e maiores que se achegaron ata a praza do Concello carballés para ofrecer, un ano máis, unha auténtica mostra de amor polo propio. Unha mostra algo máis sacrificada este ano, xa que a calor, por fin presente, fixo que a máis dun lle sobrasen os pololos, o dengue ou o mandil.

Impresionou a primeira vez que os mozas e mozos comezaron a moverse ao ritmo de Buxos Verdes, e tamén a segunda, incluso a terceira, porque os máis de 300 bailaríns, pertencentes a 12 asociacións da provincia e divididos en 29 grupos, bailaron tres veces a mesma peza, composta en 1951 polo gaiteiro arzuano Basilio Carril Fernández. Tres veces a mesma muiñeira, pero cada un dos grupos ofreceu a súa particular versión do tema. Así, mentres que os máis pequerrechos daban voltas e tocaban as palmas tratando de seguir o ritmo, outros, máis adiantados atrevíanse xa co punta-tacón, ao tempo que os maiores sorprendían ao público con voltas e reviravoltas. Dúas ducias de versións distintas que o numeroso público concentrado na praza do Concello agradeceu con aplausos e algún que outro aturuxo de ánimo, e que os organizadores, a asociación cultural Nemeth recoñeceu cunha fermosa placa elaborada por oleiros de Buño. Houbo para San Campio de Cances, San Xoán de Xornes, O Candil de Sísamo, Arume de Berdillo, San Martín de Razo, San Martiño de Cambre (Malpica), Terra de Sena (Cee), Xiradela (Arteixo), Xacarandaina (A Coruña), Folliñas e Semente Nova (Oleiros), e tamén para os gaiteiros, para Antonio Porteiro, e para os voluntarios de Protección Civil, que onte traballaron a reo.

día da muiñeira