«Fai falta outra desamortización»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Antón Castro no santuario pétreo da Barca, un dos símbolos da súa Muxía natal.
Antón Castro no santuario pétreo da Barca, un dos símbolos da súa Muxía natal. ana garcía< / span>

O profesor muxián amósase «satisfeito e agradecido» pola restauración da Barca

26 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O licenciado en Historia e Arqueoloxía e doutor en Arte Xosé Antón Castro Fernández (Muxía, 1953), que entre outros moitos cargos foi subdirector xeral de Patrimonio do Ministerio de Cultura e director do Instituto Cervantes de Milán, analiza a restauración do santuario da Barca que el mesmo promoveu e a situación actual dos estudos artísticos. Malia que está a gozar dun ano sabático durante o que exerceu como profesor invitado na Università degli studi di Milano, esta mesma semana xa se ocupou da preparación dos horarios do curso que vén para os seus alumnos de Belas Artes da Universidade de Vigo.

-¿Levan moita vantaxe os italianos nos estudios artísticos?

-Teñen moi desenrolado todo o que ten que ver coa restauración e crean pautas que serven como modelo a seguir, pero en canto ao ensino eu tiven experiencias en Estados Unidos, Francia e Italia e están todos cortados polo mesmo patrón. En España nese aspecto vexo a situación medianamente ben. Todos pediriamos máis relevancia para as artes, pero creo que o problema é de base. Á Universidade, os alumnos chegan cunha conformación nutrida artisticamente, ou sen nutrición artística. Iso despois é difícil cambialo.

-Nestes meses completouse a restauración da Barca. ¿Está satisfeito co resultado?

-Os arquitectos José Ramón Estévez e Javier Martínez Morán fixeron un traballo extraordinario, moi intelixente e moi ben supervisado, polo que non podo máis que felicitalos. O que acontece é que da restauración a xente opina coma da Selección Española e iso non é malo, ao contrario, a xente debe opinar pero sendo respectuosos e construtivos porque sempre queremos ter a razón e moitas veces negamos o do outro para poder afirmar o noso.

-¿Por que á xente cuns coñecementos artísticos básicos nos custa tanto identificar o santuario como barroco?

-Porque é un barroco terriblemente clásico, moi simple, nada que ver co estilo de placas ou o decorativo. Ese exceso decorativo só se observa nos retablos de Miguel de Romay que son case churriguerescos. A climatoloxía do lugar tivo moito que ver porque as paredes, por exemplo, teñen un metro de grosor.

-¿Que base documental empregaron na restauración?

-Existen ata os libros de fábrica que o especifican ben todo. Isto foi un encargo dos Condes de Maceda, porque a nobreza galega do século XVIII moi relacionada coa Igrexa durante reinado de Felipe V levou a cabo unha gran destesourización e investiu moito do diñeiro acumulado. Por iso sabemos con certeza que se empezou a construír no 1717 e acabouse no 1719, e que sería xa a terceira edificación sobre outras anteriores. Ademais temos unha carta executoria do 1544 na que se fala do santuario precedente, semicircular, seguramente románico que encaixa coa cristianización tardía de Galicia, do século VI, dos tempos de San Martiño de Dumio.

-¿Que idea ten do que é e do que debe ser a Barca?

-O complexo vai máis aló do santuario e consta de tres brazos que forman unha identidade única. Primeiro está o santuario de pedras pagán, no sentido greco do termo. Esta litolatría vén no neolítico, do 3.000 antes de Cristo, coas propiedades terapéuticas atribuídas as pedras e que aínda hoxe se mantén. Despois a cristianización o que fai é establecer un mito moito máis poderoso coa suposta aparición da Virxe ao Apóstolo Santiago e aí é onde encadramos o santuario mariano. A terceira pata sería Museo dos Naufraxios na antiga reitoral da que agora se consolidou a estrutura xunto co campanario e coa restitución do pavimento de 1719 case impoluto. Aquí entraría a parte etnográfica, co ideal romántico dos naufraxios, do que é a Costa da Morte identitariamente ligada ao mar.

-¿Que opinión lle merece a conservación do patrimonio eclesiástico da comarca?

-A miña opinión a nivel absolutamente persoal é que a Igrexa non é ningún modelo, non ten xente preparada, nin sinte coa suficiente sensibilidade. Aínda hai poucos roubos, Erik el Belga ou que pasou na catedral, onde un home levou dous millóns de euros sen que ninguén se decatase demóstrano. As catedrais son auténticas máquinas de facer cartos, os monxes bieitos teñen unha rede de aparcamentos pola que cobran e as restauracións págaas o Estado, ti e máis eu. A miña opinión é que faría falta unha nova desamortización porque todos eses recursos están ao servizo da xerarquía eclesiástica cando podían cumprir unha función cultural, social e mesmo económica. En Francia vírono fai décadas e hai exemplos como o do mosteiro de El Paular [Rascafría, Madrid], cunha parte alugada a Sheraton.