Baio reivindicará a Labarta Pose coa representación do sainete perdido

La Voz

CARBALLO

<span lang= gl >Anticipo en Radio Voz</span>. José de Beti, Chema Rey Lema e Ricardo Vigueret pasaron polos estudios de Radio Voz para explicar a importancia do autor baiés Enrique Labarta Pose.
Anticipo en Radio Voz. José de Beti, Chema Rey Lema e Ricardo Vigueret pasaron polos estudios de Radio Voz para explicar a importancia do autor baiés Enrique Labarta Pose. m. n.< / span>

17 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O Día das Letras Galegas terá este ano un significado especial en Baio debido a que o autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, pasou moitos veráns na localidade, e a que esta data será aproveitada para reivindicar a figura do autor local Enrique Labarta Pose e manter así viva a demanda de que a RAG lle dedique esta celebración.

Para apoiar esta proposta os seus defensores contan cun novo argumento, o sainete en galego Unha boa misa, do que ata hai pouco só existía unha referencia, pero que foi recuperado no arquivo da Real Academia Galega polo filólogo Chema Rei Lema e coeditado xunto ao especialista Xosé Manuel Varela Varela. Ademais de ver a luz, o texto cobrará vida hoxe grazas ao grupo de teatro Badius, que o representará no transcurso do festival organizado pola agrupación e a asociación cultural Adro que se celebrará esta tarde no auditorio baiés (18.00).

O programa inclúe tamén o debut do grupo musical Ad Libidum, formado por Raúl González José de Beti e Iria Ameixeiras, e que tamén se sumará á homenaxe a Labarta interpretando catro poemas do autor baiés musicalizados por eles mesmos. As gaiteiras e pandeireteiras de Adro, e os alumnos do colexio Labarta Pose e do instituto Maximino Romero de Lema, que farán sendas representacións, completan o programa de actos da xornada.