María Canosa e Jorge Mira abriron unha nova edición das Festiletras
13 may 2013 . Actualizado a las 07:10 h.A pequena aldea do Couto, na parroquia pontecesana de Cospindo, é dende onte e un ano máis, o epicentro cultural da Costa da Morte. Dende onte e ata o vindeiro domingo as Festiletras levarán ao corazón de Ponteceso todo tipo de actividades e conferencias. Teatro, música e literatura encherán o lugar, como veñen facendo dende hai xa 31 anos.
«Este é un claro exemplo de que pequenas iniciativas poden traducirse en grandes conquistas», destacou a escritora ceense María Canosa, que xunto co físico baiés Jorge Mira foi a encargada do pregón que este ano abriu esta intensa semana dedicada as Letras Galegas.
«A aldea do Couto sáese do mapa. Do mapa e das ofertas, pois o abano delas é moi amplo», destacou Jorge Mira, quen gabou o entusiasmo co que a asociación Monte Branco, a Fundación Eduardo Pondal e as demais asociacións da pequena aldea, ademais dos propios veciños, poñen sempre nas súas iniciativas. «Esa é a clave do éxito», destacou Mira, quen aplaudiu tamén «a tolerancia, a colaboración, o sentimento de grupo no que todos son necesarios e que fai todas as metas posibles».
María Canosa e Jorge Mira, que xunto co alcalde pontecesán, José Luis Fondo Aguiar, participaron na tradicional ofrenda floral no monólito pondaliano, insistiron na capacidade de traballo e de unión dos veciños do Couto.
«Debemos destacar que a mocidade que foron educando nesta aldea é inqueda de cara ao futuro da súa terra e pola conservación das súas orixes, da cultura, do idioma, da historia, da arte..., polo que foron aprendendo a loitar e sempre cun sorriso lograron superar diversos atrancos. Son un orgullo e todo un exemplo a seguir», engadiu María, que xunto co seu compañeiro televisivo ofreceu un divertido pregón no que non faltaron as bromas relacionadas coas cifras e as letras. Nin as reivindicacións, porque ambos, que leron tamén o poema La ciencia infusa, de Enrique Labarta Pose, aproveitaron para reclamar un Día das Letras Galegas para o escritor baiés.