Carballo celebrará as Letras Galegas máis variadas

á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

A lingua e a literatura comparten protagonismo coa música, os certames, o baile, os contos e mesmo o deporte

11 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Teatro, música, contos, pintura, xornalismo, baile, deporte e, por suposto, lingua e literatura. A celebración das Letras Galegas vivirase en Carballo cun programa moi extenso e variado. «Defender o país non é só facelo desde o punto de vista da lingua e a lectura; o país tamén é gastronomía, deporte, teatro...», afirmou onte o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación do programa de actividades, na que tamén tomaron a palabra os responsables das dúas concellerías implicadas: Mar Eirís, de Cultura, e Xosé Regueira, de Normalización Lingüística.

Eirís apuntou que a maior concentración de actos será o propio Día das Letras Galegas, o venres 17, coa celebración da lectura pública As Letras en Voces (praza do Concello, 11.00 a 13.30), o concurso infantil de pintura Luis Calvo (11.00), unha sesión de contacontos (ludoteca, 12.00), actuación de baile e música tradicional (12.30) e o tradicional Concerto das Letras da Banda Municipal de Música (14.00, Rúa Coruña).

Pero antes dese día, os veciños poderán gozar xa doutras moitas propostas. Así, Regueira apuntou que o luns un amplo número de escolares carballeses participarán na Coruña nunha nova edición do Correlingua e que ese mesmo día Carlos Callón presentará no Casino (20.30) o libro Como falar e escribir en galego con fluidez e corrección.

A exposición de pintura de María Luisa Rojo, Novais, que será inaugurada o martes; os Encontros Culturais de Arume, o domingo 19, e o concerto de aniversario do Coro Aires de Bergantiños, o sábado 25, son outras das propostas deste extenso programa.