A festa das letras galegas chega á comarca con adianto

á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

A Festiletras do Couto encabezan unha fin de semana repleta xa de citas

10 may 2013 . Actualizado a las 12:21 h.

A celebración do Día das Letras Galegas volve a chegar con adianto á Costa da Morte. En Carballo levan xa toda a semana quentando motores coa Semana do Libro e a Lectura e noutros puntos da comarca comezarán a facelo esta fin de semana.

A principal cita será a que terá lugar o domingo na pequena aldea pontecesá de O Couto, que se volverá a converter na capital cultural extraoficial da zona coa apertura das súas Festiletras. Na xornada inaugural haberá tempo para lembrar os dous premios que recibiu o lugar en datas próximos: o concedido pola Xunta á Fundación Pondal e o que o Padroado Fogar de Bergantiños lle concedeu á aldea no seu conxunto. Ademais, o físico Jorge Mira e a escritora María Canosa serán os encargados de abrir de xeito solemne co seu pregón (12.45) o programa de actividades que será desenvolvido durante toda a próxima semana.

Pero antes diso, hoxe mesmo, en Malpica botará a andar o programa Nos tempos das letras cunha representación teatral. A partires das 17.30 horas, a compañía Elefante Elegante deleitará ao público de 3 anos en adiante coa obra Aviador. Tamén esta tarde, pero na biblioteca municipal de María Baña, de Cabana (17.00 horas), Xanela Ocio e Animación ofrecerá aos máis pequenos o espectáculo Mira como cho conto.

Xa o domingo, os actos proseguirán en Vimianzo, que no marco do programa do Mes das Letras, recibirá a visita do grupo de teatro do colectivo cultural Ollomao, de Barreiros. Ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, representarán a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Pola mañá, na biblioteca municipal da Laracha (12.00 horas) serán os integrantes de Migallas teatro os que tratarán de conquistar aos máis cativos cun contacontos titulado Entre arrolos e contiños. E no outro extremo da comarca, a Universidade Popular de Corcubión abrirá o seu Maio das Letras coa presentación do libro de Carlos Callóns Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (auditorio municipal, 20.00 horas).

Outras propostas

Tamén relacionado coas letras, a Casa da Cultura de Vimianzo acollerá mañá (21.00 horas) a presentación do libro de Xosé María Lema Suárez Costa do Solpor. No acto participarán, ademais de Manuel Antelo, alcalde vimiancés, Chus Barbeira, Concha Blanco, Alexandre Nerium e Manuel Bragado.

E en Ponteceso, para celebrar o seu terceiro aniversario, A Tenda dos Libros acaba de convocar un concurso de fotografías aberto á participación de todo o público. Os aspirantes ao premio, un vale agasallo de 50 euros, só teñen que sacarse unha fotografía co seu libro favorito e subila ao perfil da libraría en Facebook para que o resto dos usuarios poidan votar. O prazo pecharase o próximo venres, Día das Letras Galegas.