«As rapazas cada vez teñen máis interese pola literatura, pero eles perden moito tempo co fútbol»

á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

23 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Semana das Letras, das Artes e da Música do IES Alfredo Brañas súmase hoxe ao Día do Libro coa visita do escritor Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947), que ofrecerá unha charla sobre a transición da literatura tradicional á dixital.

-¿En que momento se atopa esa transición?

-Estamos nunha etapa de transición na que non vai desaparecer o formato tradicional, pero tampouco vai aguantar eternamente. Esta transición leva a un fenómeno novo que é que se edite primeiramente en formato dixital para despois facelo en papel baixo demanda. Iso é o que está a pasar no mundo, que vai primando o dixital, e tarde ou cedo vainos chegar aquí tamén.

-¿É dos que aceptan ben a transición ou dos que se resisten a ela?

-Eu, por razóns de mentalidade e de formación, son partidario de que a transición se vaia producindo porque os novos formatos permiten non só ler o que é o texto, senón traballar con texto e con hipertexto [palabras ou frases marcadas dentro dun documento que permite acceder a outros documentos e contidos relacionados]. O texto nunca vai desaparecer, pero o seu soporte pode ir cambiando.

-O cambio tecnolóxico tamén abriu a porta á autoedición dixital. ¿Como se ve isto desde a perspectiva dun autor?

-Ese fenómeno avanzou moito, pero xa se está producindo un contra fenómeno. Calquera pode publicar o que queira e poñelo na web, pero como non pasa previamente o filtro da edición aparece moito material que non ten calidade. Por iso agora todas as editoriais que están postas ao día están publicando en formato dixital e non é o mesmo ler un título que ten un selo dun editor que outro que non o ten, pero tampouco é o mesmo pagar vinte euros ou un ou dous.

-¿Xa se rendeu tamén ao auxe dos ebook?

-Non. Eu o que teño é un ordenador destes que se lles separa a pantalla e leo nela, é moi cómoda.

-¿Nas súas visitas a centros, como a de hoxe, como ve o interese dos rapaces pola literatura?

-Eu o que teño que dicir é que as rapazas teñen cada vez máis interese, pero os rapaces perden moito tempo co fútbol. Sempre houbo lectores e lectoras, pero cada vez é máis manifesto este fenómeno, este é un mundo que vai derivando cara as mulleres.

-¿Isto reflíctese tamén nun aumento do número de autoras?

-Cada vez hai máis, pero con todo, e falo por experiencia propia por ser xurado de concursos, que seguen sendo minoritarias.