A UE estuda prohibir químicos que desorientan ás abellas

mar varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

AGA aposta por este negocio como saída económica sostible para moitos mozos.
AGA aposta por este negocio como saída económica sostible para moitos mozos. gustavo rivas< / span>

As explotacións apícolas diminuíron un 60% nas provincias atlánticas

21 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Se as abellas desapareceran da superficie terrestre, a humanidade só duraría catro anos». Esta frase que acuñou Albert Einstein está de máxima actualidade debido a que os pesticidas que conteñen neocotinoides (unha substancia presente na nicotina), permitidos na Unión Europea dende 1994, están detrás dunha alta desaparición destes insectos. «As autoridades comunitarias estanse a decatar de que esta é unha situación que nos leva a unha catástrofe anunciada», di Jesús Asorey, o secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

Un 80% das plantas con flores precisan das abellas, que actúan como axentes polinizadores, para a súa fecundación e, polo tanto, para que nazan novas plantas. Os pesticidas usados hoxe en día son sistémicos, porque se estenden pola terra e polas plantas, e ademais neurotóxicos, xa que afectan ao sistema de orientación das abellas e outros polinizadores. A mesma Axencia Europea de Seguridade Alimentaria di nun informe que estes químicos usados na agricultura non matan as abellas, pero ao afectar ao seu sistema de orientación, non son capaces de volver á colmea e acaban por desaparecer. A Comisión Europea volverá a votar a prohibición destes insecticidas, despois de que na última se mostrasen favorables á prohibición 13 países membros (dos 14 votos que se precisaban).

Este feito, unido a que as temperaturas eleváronse nos últimos anos e que as floracións se adiantan, fai que nas provincias de A Coruña e Pontevedra se reducise un 60% a poboación de abellas, así como o número de explotacións. «Antes ían polo libro, agora van por libre», explica Asorey mentres explica que como o eucalipto florece en inverno, as abellas non aproveitan o seu néctar. Ademais, a horticultura extensiva, o millo forraxeiro -cuxas sementes están tratadas con químicos- e os tratamentos sobre os eucaliptos poñen ao insecto ao límite da supervivencia.