Vítimas da banca estafadora

Xan Fdez. Carrera

CARBALLO

15 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Levamos moitos meses na rúa pasando frío, perdendo horas do noso traballo, abandonando os labores da casa, e mesmo pasando vergonza, porque que ninguén pense que nos mobilizamos por gusto ou por aburrimento. Sabemos que se non saímos á rúa esta estafa permanecería no esquecemento, ninguén falaría dela, nunca se abriría a arbitraxe e os banqueiros seguirían vendendo produtos tóxicos, como se nada pasara. O goberno esqueceríase de nós, miraría para outro lado, e continuaría apoiando a esa banca estafadora.

Grazas as nosas protestas na rúa, os banqueiros e os empregados de banca que nos venderon preferentes ou subordinadas non teñen as conciencias tranquilas, están preocupados, e o seu prestixio social tamén cambiou, xa non son aquelas persoas serias nas que se podía confiar, e dificilmente os cidadáns lles permitiremos facer os atropelos que cometeron, como foi o deste monumental timo. Este desprestixio do sistema financeiro sabemos que non é bo para a economía do país, pero eles foron o culpables do seu deterioro, e polo tanto os causantes do conflito no que estamos metidos, en contra da nosa vontade.

Por iso terán que soportar os enfados e cabreos dos estafados, seguro que se lle pasara a eles reaccionarían de peores maneiras. Nós seguiremos sendo os seus clientes, aínda que sexa á forza, posto que nos teñen secuestrados os nosos aforros, se queren que os deixemos tranquilos que nolos devolvan. O que si lles dicimos a estas entidades que nos estafaron é que mentres que non resolvan o problema das preferentes e subordinadas, non terán futuro, porque nós continuaremos pechando as oficinas, protestando na rúa e solicitando dentro das entidades os nosos cartos. Alí foi onde os depositamos, e alí será onde nolos terán que devolver.

Tampouco esquecemos a responsabilidade dos políticos neste tema. Será ao goberno a quen lle corresponda darlle unha saída a este problema que lle afecta a milleiros de persoas -sometidas a unha gran impotencia e tensión psicolóxica, algúns a tratamento médico-, ben prolongando o sistema da arbitraxe a todos os afectados, xa que todos fomos enganados coa mesma estratexia de venda; ou, senón, a través da anulación dos contratos, por vicio de consentimento, provocado por unha información escasa e enganosa, tal como están a defender o Fiscal Superior de Galicia ou o Valedor do Pobo.

Loitaremos para que isto se faga realidade, e tamén para que se faga xustiza contra os que cometeron esta gran estafa.

(Extracto del manifiesto final)