Catro cómicos de primeira fila daranse cita no Festival do Humor da Laracha

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

As sesións terán lugar os venres do mes de maio na Casa da Cultura

14 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As risas tomarán en datas próximas a Casa da Cultura da Laracha coa celebración do primeiro Festival do Humor da localidade. Catro dos actores e humoristas máis coñecidos e aplaudidos da escena galega visitarán o municipio durante outros tantos venres para participar nun programa co que os responsables do Concello pretenden «ofrecerlle ao público en xeral unha alternativa de ocio diferente, divertida e moi económica».

Os actos darán comezo o 3 de maio coa actuación de Carlos Blanco. O cómico arousán poñerá a escena o seu novo espectáculo, Teño días, no que aplicará o seu característico sentido do humor, e algo de improvisación, para repasar a actualidade de Galicia e do resto do mundo. Unha semana despois, o venres 10, tomará o relevo Luis Zahera, coñecido actor de televisión que tamén participou na exitosa película Celda 211 e que fará un monólogo en clave autobiográfica e con moitas gañas de rirse de si mesmo.

O día 24 será a quenda de Quico Cadaval, actor, autor e director teatral, que nesta ocasión enfrontarase en solitario ao público con unha das súas historias máis recentes, a do Negro Ismael. E o día 31, no peche do mes de maio e do primeiro Festival do Humor da Laracha estará Sergio Pazos con Sé galego, my friend, un espectáculo no que abordará en ton sarcástico as virtudes e os defectos dos habitantes deste recuncho de Europa.

Todas as sesións se celebrarán ás 22.00 horas e o prezo das entradas para cada unha delas é de 5 euros.