«O teatro esixe sacrificios, pero o cariño do público non ten prezo»

Á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Josefa Deive é a autora, directora e unha das interpretes da obra que visita Vimianzo esta tarde

07 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O Mes da República da liberdade da programación cultural de Vimianzo dá comezo esta tarde (ás 20.00 horas) coa visita da compañía afeccionada ferrolá Ti e máis eu teatro. Josefa Deive Pico (Aranga, 55 anos) é a autora, a directora e unha das intérpretes da obra A herdanza da nai.

-¿A quen está dirixida esta representación?

-Ao público adulto. É unha obra que recolle varias das situacións que se poden dar arredor dunha herdanza e nas que poucas veces trunfan os sentimentos.

-O tema, sendo dramático, tamén ten visos de comedia. ¿Por cal se decanta a montaxe?

-Ten de todo, tanto cousas cómicas como outras máis profundas porque ao principio da obra a protagonista tómao case a broma para non ter que enfrontarse ao que ten diante. Ademais, ten moita intriga e un final aberto.

-¿É moi complicado para unha compañía afeccionada afrontar os ensaios e as representacións?

-Nós non vivimos disto, senón que é algo que nos gusta. Pero, ás veces, a xente non sabe ata que punto temos que facer sacrificios monumentais para ir aos ensaios, ás representacións... e ademais unha obra non está rodada ata que foi posta en escena unhas 20 veces. Son moitos sacrificios, pero cando algo che gusta resulta moi satisfactorio e o cariño do público non ten prezo.

-Xa teñen estado máis veces na comarca.

-Si, estamos encantados de volver a Vimianzo, onde xa fixemos tamén unha representación no Asalto ao Castelo, e ademais queremos moito á Costa da Morte. Xa temos actuado en varios concellos.