«Estamos sorprendidos de cómo van as cousas»

á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

A Fundación López Abente presenta hoxe o seu primeiro certame de poesía

05 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, Xosé Henrique Rivadulla Corcón (A Coruña, 1962), presentará hoxe no salón de plenos de Muxía (11.00 horas), xunto ao alcalde e presidente da entidade, Félix Porto, e ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a primeira edición do certame poético dedicado ao autor muxián.

-¿Como se xestou o premio?

-Nos estatutos da fundación figura a promoción en xeral da literatura galega e dos escritores en lingua galega, especialmente os da Costa da Morte, e nesa promoción a poesía ten un espazo especial para nós, porque López Abente fundamentalmente foi poeta. E como na actualidade a poesía pasa por un momento crítico, en canto a edición, non a autores, este certame é un bo xeito de axudala.

-O premio nace ademais co dobre aval de Xerais e de Cultura.

-Isto é moi importante, porque aínda que calquera editorial merece o noso respecto, Xerais é a punteira e que accedera a publicación da obra gañadora vai moi en favor da súa difusión e da participación. Ademais, sen a secretaría xeral non poderíamos convocar o premio, e desde o primeirísimo momento Anxo Lorenzo dixo que nos ía apoiar.

-¿Estase cumprindo a folla de ruta da fundación?

-Estamos cumprindo porque somos realistas sobre o que podemos facer, pero aínda así estamos sorprendidos de cómo nos están saíndo as cousas, porque está indo todo ben. Xa editamos dous libros e traballamos en novas publicacións.