«Hai capeláns en todos os sitios nos que hai militares españois»

l. v. i. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

O carballés Eduardo Pena é capelán na Academia Loxística de Calatayud

04 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A picadura dun escorpión permitiu que José Eduardo Pena Calvo, natural da parroquia carballesa de Rus, puidese gozar da Semana Santa de Carballo. Sacerdote e militar, Pena es capelán castrense na Academia Loxística de Calatayud (Aragón), un centro do Exército de Terra.

-¿Como é iso de ser militar e sacerdote?

-Son fillo de garda civil e sempre me gustou a vida militar. Tiña a vocación de ser sacerdote ou lexionario do exército español e tiven a sorte de compaxinar as dúas cousas. Formeime no seminario castrense Juan Pablo II e ordeneime no 2012, na catedral das Forzas Armadas, en Madrid.

-¿Como é o seminario castrense?

-Está en Madrid, nun edificio de Defensa e para entrar, como vas ser oficial do exército, é imprescindible ser español, ter a selectividade, porque hai que facer unha carreira, e pasar unhas aptitudes físicas e psíquicas.

-¿Cal é a súa función como sacerdote militar?

-A miña función é, principalmente, o acompañamento ético, moral e o apoio relixioso. Ese apoio cando máis se nota é en caso de guerra, porque o capelán, ou pater, como nos chaman cariñosamente, ten que ir con eles e estar en liña de batalla para, por exemplo, dar a extremaunción. En todas as partes onde hai militares españois hai capeláns. Ata nos barcos.

-¿Como é que veu pasar a Semana Santa de Carballo?

-Estou de baixa porque me picou un escorpión nunhas manobras. Non sei como doerá unha bala, pero os escorpións non quedan atrás.