A Coruña e Ponteceso homenaxearon a Pondal

a coruña / carballo / la voz < / span>

CARBALLO

No acto participaron un grupo de rapaces de Ponteceso
No acto participaron un grupo de rapaces de Ponteceso PACO RODRÍGUEZ

Unha comitiva bergantiñá participou nos actos celebrados na cidade herculina con motivo do 96 cabodano do poeta

10 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O busto do poeta pontecesán Eduardo Pondal nos xardíns coruñeses de Méndez Núñez volve a ter a súa compaña orixinal. Un temporal derribara hai anos un dos piñeiros que o escoltaban. Facíano ademais de xeito simbólico, apelando ao poema Os Pinos do que toma a súa letra o himno galego.

Onte, conmemorando o 96º cabodano do escritor, o Concello da Coruña e a Fundación Eduardo Pondal devolveron o lugar ao seu punto de partida, substituíndo a palmeira colocada no seu lugar, e dándolle así un sentido máis aló do puramente ornamental.

Varios representantes do consistorio coruñés, como o concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador; ademais da secretaria xeral de Sanidade do Goberno central, Pilar Farjas; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde de Ponteceso -e presidente da Fundación Pondal-, Jose Luis Fondo, colaboraron para asentar con terra un exemplar de piñeiro piñoneiro.

Tamén acudiron ao acto outros representantes da entidade pontecesá, como Xosé María Varela, Xosé Manuel Varela, Luís Giadás e María Xosé Imia, ademais dun nutrido grupo de rapaces da localidade e os actores Tamara Lema e Esteban Rey, que encarnaron a Rosalía de Castro e Pondal para facer unha escenificación.

Tras o acto nos xardíns de Méndez Núñez, a comitiva bergantiñá tiña previsto facer un roteiro ata María Pita visitando tamén o monumento a Curros e o teatro Rosalía, pero a intensa choiva obrigou a modificar os plans e optar polo autobús para chegar á praza de María Pita. Nos seus soportais, os pequenos de Ponteceso fixeron unha nova representación teatral e, tras visitar o consistorio, deron por rematada esta xornada de homenaxe a Pondal coa interpretación do himno galego.