O multitudinario enterro de Eduardo Pondal

luis giadás PATRÓN DA FUNDACIÓN PONDAL

CARBALLO

09 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Velado o cadáver de Eduardo Pondal polas Irmandades da Fala, por Murguía (amigo seu dende facía 50 anos) e polos contertulios da Cova Céltica, o enterro foi de primeira clase, sufragado polo Concello, sendo o rexedor Manuel Casás Fernández, o alcalde xardineiro, liberal-demócrata, galeguista e futuro presidente da Real Academia Galega.

Toda a corporación municipal acompaña ao coche fúnebre en uniforme de gala: dos 35 concelleiros, 27 eran republicanos, salientando entre estes Santiago Casares Quiroga, o futuro xefe de Goberno da Segunda República, en 1936. Van detrás representantes da Deputación, da familia (Lastres, López Abente e Balboa) e da RAG (Murguía, Martínez Salazar e Ponte y Blanco, os tres presidentes sucesivos da institución). A continuación, as Irmandades da Fala, a Universidade Popular, Orfeón El Eco, Cámara de Comercio, Xunta de Obras do Porto, Mutua Mercantil, Reunión de Artesanos, Liga de Amigos, Casino Sporting Club, Globo Club, Centro Castellano, Casino Republicano, Asociación Patronal, Círculo Conservador, Círculo Jaimista, Asociación da Prensa, Academia de Medicina, Academia Provincial de Belas Artes, Colexios de Avogados, Médicos, Farmacéuticos, Procuradores, centros docentes oficiais e particulares, que, ademais, cubriron de loito as súas sedes.

O coche fúnebre levou coroas do Centro Galego da Habana, RAG, Irmandades da Fala, Concello, Circo de Artesáns e do propietario do Hotel La Luguesa, no que morreu o poeta. Ao paso do cortexo íanse pechando portas e escaparates de todos tendas e bancos, seguindo as recomendacións municipais, no medio dunha multitude expectante, como a que, nove anos atrás, acompañara o enterro de Curros Enríquez. Si, naquel primeiro terzo do século XX, a cidade meiga da Coruña era, senón galeguista, polo menos perigaleguista, isto é, simpatizaba coa cultura en idioma galego.

Xa no cemiterio de San Amaro, o alcalde Casás (futuro presidente da RAG) ofrecería unas verbas en castelán sobre a obra pondaliana á que lle dá a réplica en galego Manuel Lugrís Freire, republicano, galeguista e tamén futuro presidente da RAG. Din as crónicas da época que foran dos mellores discursos de ámbolos dous, emocionando a todos os presentes, os cales, rematado o acto, arrincan espontaneamente a cantar o himno galego.

Busto nos xardíns

En 1925, o Circo de Artesáns encárgalle a Fernando Cortés Bugía un busto de mármore do Bardo para acubillar baixo un rumoroso piñeiro manso nos xardíns do almirante Casto Méndez Núñez, o recheo que, en 1871, os coruñeses ergueran sobre a ría. Por estes mesmos xardíns paseaba o Bardo bergantiñán o 7 de abril de 1887, cando se atopara cos «homes rulers», como ironicamente chamaría aos caciques que facilitarían a elección a deputado do seu irmán maior Cesáreo.

Cortés Bugía era debuxante e escultor, membro da Asociación de Artistas da Coruña, redactor gráfico de La Voz de Galicia, autor así mesmo do busto de Murguía, nos mesmos xardíns de Méndez Núñez e primeiro edil socialista na cidade, en 1913, aínda que por unha semana, xa que tiña incompatibilidade ao ser profesor na Artes e Oficios, dependente da Deputación Provincial. A Reunión Recreativa e Instructiva, agarimosamente coñecida coma Circo de Artesáns tivera respectuosa relación con Pondal. Cando, o 30 de setembro de 1906, Alfonso XIII lle concede ao Circo a categoría de «real», lense poemas de Curros e de Pondal, entre outros.

Xa a Reunión Recreativa e Instructiva organizara unha homenaxe a Eduardo no primeiro cabodano do pasamento deste e, en 1919, artellaría unha velada no teatro Rosalía Castro, para xuntar fondos e erguerlle o devandito busto no xardín de Méndez Núñez. Lugrís Freire estreou nesta ocasión a súa peza teatral Estadeíña, cedendo a recadación e mailos dereitos de autor para o monumento. O Concello herculino pagou o pedestal do mesmo e o Circo cubriu a diferenza para que Cortés Bugía executara a cabeza de mármore. Cando se descubriu o busto dixeron unas palabras o presidente do Circo e o alcalde da Coruña, que seguía sendo Manuel Casás Fernández.

Será no Circo onde Pondal lle dedicara un poema a Curros no sexto cabodano do pasamento do vate celanovés. Os versos pondalianos de homenaxe a Curros, lidos no Circo, serían enviados en manuscrito, o 5 de marzo de 1914, polo propio Eduardo ao devandito Manuel Casás, daquela presidente do Circo: «Seis anos da súa morte van pasados, / os anos pasarán de toda edá; / mas do poeta as estrofas? imposible! / Esas? non pasarán».

Proféticas palabras de Pondal que, pouco antes do seu propio tránsito, aplicaríase a si mesmo nestes versos: «Eis a obra exhibín, que non o ardente / raio destruidor, non o desterro, / non o decreto de tirano urxente, / non poderán o fogo nin o ferro / para sempre destruir? nin aparente / envidia, nin prisón, nin duro encerro, / nin odio escuro, nin soberbia adusta, / nin a morte, nin longa edá vetusta».

crónica histórica aniversario da morte do poeta pontecesán

Tal e como contaba onte, Eduardo María González-Pondal Abente, faleceu 9 de marzo de 1917, na Coruña, cidade na que residiu longas tempadas da súa vida e na que foi enterrado.