«As bibliotecas son excelentes motores da innovación pedagóxica»

redac.carballo@lavoz.esCristina Viu

CARBALLO

A docente foi unha das relatoras no encontro celebrado en Santiago

09 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

gentes del finis terrae

Olga Rodríguez Díaz (Cádiz, 1957) é a responsable da biblioteca do colexio Milladoiro de Malpica, unha das primeiras da zona, coa do Bergantiños de Carballo, que se sumaron ao plan de mellora da Consellería de Educación. No encontro que se celebrou onte en Santiago cos encargados de tódolos centros incluídos no programa deu unha conferencia. Olga leva moitos anos ao fronte dunha biblioteca escolar que é referencia a nivel nacional.

-¿Para que serven estes encontros?

-É o momento que temos os docentes dos 504 centros que participan no programa de vermos as caras. Durante todo o curso mantemos unha moi directa relación virtual a través do correo electrónico, que é un dos piares do plan.

-¿A biblioteca ten que ser o centro da vida escolar?

-José Manuel Pérez Tornero, que é catedrático e que forma parte do programa de cooperación da Unesco, dixo que o obxectivo da biblioteca é ser o recurso da acción educativa. O ensino é cada vez menos un libro de texto e un profesor, leva moito tempo avanzando e se produce en todos os momentos. Todos somos produtores de ensinanzas, mesmo os alumnos. A escola ten que preparar para a vida con adianto, porque formamos aos que serán adultos no prazo de dez anos. Teñen que ser capaces de conseguir información e analizala dunha maneira crítica. Entendemos que a biblioteca ten que satisfacer as necesidades de que cada un ten de coñecementos. O último traballo que fixen, coa profesora pontevedresa Charo Sánchez, tiña que ver coa documentación na rede, como conseguir búsquedas eficaces e seguras. É algo que facía moita falta tanto para os profesores como para os alumnos. Mesmo cando ensinas a ler, tes que descodificalo texto, entendelo e sometelo ao análise crítico. Esa é a finalidade da escola. Tamén temos un plan de lectores de e-books. Concedéronos tres e, de momento, están rotando polos profesores, para que se familiaricen con eles e os incorporen a súa actividade didáctica, porque o libro electrónico xa forma parte dos agasallos que reciben os nenos.

-¿E o pracer da lectura?

-Estamos centrados na información, pero as dúas liñas poden mesturarse. Utilizamos o proxecto para a documentación, pero os libros teñen ilustracións, imaxes coidadas...

-Refírome á diversión que proporcionan os libros.

-A lectura é o refuxio da infancia e da adolescencia. Todos os días dedicamos 20 minutos minutos nas aulas a ler por diversión, sen ter que facer traballos. Provocamos ese contacto dos nenos cos libros e eles deciden cales lles gustan. Tamén teñen as mochilas viaxeiras tódalas semanas. Os libros van as casas, o que incita a unha conversa literaria entre pais e fillos. Ademais, editamos dúas guías de literatura ao ano.

-Hai nenos que non adquiren o costume de ler na casa.

-Por iso a biblioteca ten que actuar como factor de compensación de desigualdades. Pola escola pasa o 100 % da poboación. Por iso procuramos ter os mellores libros, as últimas novidades e un montón de actividades.

-¿Conservanse eses lectores cando deixan de ser nenos?

-Na biografía está a etapa escura da adolescencia. Neste tempo len os rapaces que tiveron un contacto, unha vivencia gozosa coa lectura. Eu non sigo a historia dos alumnos, pero pregunto aos adultos e os que tiveron boas experiencias na infancia manteñen o costume de ler.

-¿É importante a axuda do plan da Xunta?

-Pérez Torneiro dixo que este movemento de innovación puxo a Galicia no centro do mundo. O plan nunca foi café para todos. Ao principio os cartos foron para mobiliario e instalacións, pero agora son para renovación de fondos, porque ao non ser literarios é un mundo en ebullición, que precisa de constante renovación. A escola que non se moderniza é un cadáver. É unha enorme responsabilidade porque estamos educando a xente pequena. As bibliotecas son un excelente motor da innovación pedagóxica. Pero non e todo tan positivo.

-¿Vaise queixar da falta de persoal?

-A min só me pagan para ser titora, igual que aos outros. A actividade é voluntaria sen compensacións económicas, de horario ou administrativas. O próximo reto será demostrar o importante papel que facemos, porque máis da metade dos premios nacionais de innovación van para Galicia. Temos demostrado o que valemos e veñen malos tempos, polo que poden substituir os cartos por algún tipo de recoñecemento. Son moitos anos, cada vez somos máis maiores e imos cansados.

olga rodríguez díaz profesora

«A lectura

é o refuxio da infancia e da adolescencia»