O proxecto «Titania» arranca en Balarés para formar a un milleiro de alumnos

As fundacións Pondal e Barrié implican a un cento de profesores


carballo / La Voz

Coa mirada fronte ao vello xacemento mineral de Balarés (Ponteceso) tivo lugar onte a presentación de Titania, conciencia do noso pasado, un proxecto da Fundación Pondal amparado pola Fundación Barrié por medio do programa EducaBarrié que beneficiará a máis dun milleiro de alumnos de Bergantiños. Os protagonistas desta iniciativa puideron verse as caras para en abril por en marcha as actividades, nas que colaboran un cento de profesores.

O alcalde pontecesán, José Luis Fondo, foi o anfitrión dos colaboradores, aos que se dirixiu a continuación o director da Fundación Barrié, Javier López Martínez, un vello coñecido da bisbarra porque foi o primeiro técnico de Neria. López Martínez loou a implicación dos profesionais do ensino, a fermosura do espazo do encontro e máis a figura de Isidro Parga Pondal (impulsor de Titania), un científico «humanista» que se «implicaba na economía do seu país», no que deixou «tanta pegada».

Tamén falou a asesora de EducaBarrié, a corcubionesa Susana Vázquez, que falou dos recursos para desenvolver o programa, que inclúe visitas ao que foi enclave mineiro de Balarés e a outros lugares unidos a Parga Pondal e ó poeta Eduardo Pondal, as Cerámicas Castro e o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, así como obradoiros, conferencias e tarefas didácticas a cargo de recoñecidos científicos, covas célticas e unha máster class. Persoeiros como Xurxo Ayán, Jorge Mira, José Luis Rabuñal, José Lires Corbal, Ángel Carracedo, Fernando Lires Corbal, Antonio Muíños, José María Bello Diéguez, Cristina Pato e Xurxo Mariño dirixirán algunhas das actividades.

María Xosé Imia, patroa da Fundación Pondal explicou a filosofía de Titania, conciencia do noso pasado, un proxecto para educar poñendo en valor o patrimonio e a cultura, dende a perspectiva das ciencias, as artes e as letras. Todo ilo visto como un achegamento multidisciplinar ao entorno, neste caso en relación cun fenómeno económico e industrial, como foi a explotación durante más de dous de decenios do xacemento de Balarés

Os centros participantes son os CEIP As Forcadas e Eduardo Pondal; o IES de Ponteceso; os CPI As Revoltas e Cabo de Area; os CRA Os Remuiños e Nosa Señora do Faro, e as escolas unitarias de Mens, Barizo, Brantuas, Pazos, A Campara, Xornes, Tella e Ponteceso. Os responsables da maior parte deses centros estiveron presentes no acto de onte, que rematou cunha conferencia e cun percorrido polos restos da vella mina, da que tamén deu testemuña José Souto, extraballador que estivo presente na reunión.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

O proxecto «Titania» arranca en Balarés para formar a un milleiro de alumnos